O fútbol sala únese para lembrar a Fani Martínez

O mundo do futsal non esquece a figura de Fani Martínez, a que fora técnica do feminino do 5 Coruña e que perdeu a vida en 2022, con só 26 anos de idade. Hoxe, 18 meses despois do seu pasamento, o Polideportivo de Novo Mesoiro acolle un partido homenaxe marcado pola solidariedade con quen máis a necesita.
Fani Martínez (centro), nunha imaxe do 2018 xunto con Sandra Blanco e Leni López. (Foto: 5 Coruña FS).
photo_camera Fani Martínez (centro), nunha imaxe do 2018 xunto con Sandra Blanco e Leni López. (Foto: 5 Coruña FS).

Hai xa un ano e medio, o 5 de setembro de 2022, perdía a vida con tan só 26 anos de idade a primeira adestradora do equipo sénior feminino do 5 Coruña Fútbol Sala: Estefanía, 'Fani', Martínez Figueroa.

A pegada que deixou a desaparecida preparadora, que durante catro anos estivo á fronte dun conxunto que colleu en Preferente Galiza e que logrou ascender até a Segunda Nacional, foi tal que non tardaron en sucederse as homenaxes, destacando entre todas elas a Medalla ao Mérito Deportivo da Galiza, concedida polo Goberno Galego apenas un mes despois do seu pasamento.

Agora, o seu antigo equipo, en colaboración co Concello herculino, organizou un novo recoñecemento, o I Memorial Fani Martínez, un torneo de fútbol sala que terá lugar no Polideportivo Municipal de Novo Mesoiro a partir das 20 horas.  

"O noso club, e boa parte da comunidade do fútbol sala galego, quere render unha merecida homenaxe á nosa eterna compañeira. Por iso, e como non podía ser doutro modo, argallamos un evento que será unha bonita festa na que se levará a cabo un encontro entre amigas de Fani, compañeiras, xogadoras da selección galega e outras figuras de primeiro nivel que se sumaron a unha iniciativa ben fermosa", explicaron desde a organización.

O 5 Coruña Fútbol Sala tamén anticipou que no Polideportivo de Novo Mesoiro estarán "auténticas estrelas" da Primeira División estatal, remarcando o seu agradecemento a esas futbolistas pola súa "colaboración", así como a entidades que militan na máxima categoría, como Pescados Rubén Burela, Poio Pescamar, FSF O Castro ou o local Viaxes Amarelle, así como de formacións como O Parrulo Ferrol, Bembrive, Victoria, A Gaiola ou Valdetires.

Ademais, "todo o recadado cos boletos" doarase á Asociación Española Contra o Cancro, e todas as persoas que desexen colaborar tamén poderán doar sangue nunha unidade móbil instalada ás portas do recinto entre as 15.30 e as 21 horas.

Comentarios