A Irmandiña xa coñece a súa ruta no próximo Estatal de balonmán

O torneo terá lugar en Catalunya a inicios do 2024.
A Galiza opta a todo na proba. (Foto: Patty Rivas/FGB).
photo_camera A Galiza opta a todo na proba. (Foto: Patty Rivas/FGB).

O Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA), que se desenvolverá en Catalunya entre o 2 e o 7 de xaneiro do vindeiro ano 2024, xa coñece o seu calendario logo de que a organización, a cargo da Real Federación Española de Balonmán (RFEB) levase a cabo o sorteo de grupos esta cuarta feira.

Este torneo, considerado como a gran festa do balonmán base, reunirá un total de 103 seleccións estatais, repartidas entre a categoría xuvenil -17 masculinas e 16 femininas-, cadete -17 masculinas e 18 femininas- e infantil -17 masculinas e 18 femininas- nas localidades de Blanes, Lloret de Mar, Calella e Malgrat de Mar, que acollerán os máis de 300 partidos que darán forma a esta agardada competición anual.

No referente á Irmandiña, a infantil masculina colisionará no Grupo 'A' con Castela e León, Andalucía e a anfitrioa Catalunya, mentres que a feminina medirá forzas con Castela A Mancha, Canarias e Cantabria.

Saltando á categoría cadete, os rapaces xogaran ante Valencia e as dúas Castelas, facendo o propio as rapazas contra Catalunya, Aragón e Navarra.

Por último, os xuvenís masculinos colisionarán con Murcia e Cantabria e as femininas con Asturias, A Rioxa e Aragón.

O outono non frea o deporte sobre area

Seguindo co deporte de base, pero pasando do balonmán ao volei praia, a derradeira proba da Copa Deputación de Ourense xa ten data e sede: o 25 de novembro en Oira (Ourense). 

Esta proba, puntuábel de cara aos Campionatos de España 2023 e o ránking Galego, desenvolverase no interior do Complexo Deportivo de Oira, onde se dilucidará quen levanta un trofeo organizado polo Club Ourense de Volei Praia que determinará quen é a mellor parella en idade Sub-15.

Comentarios