Balonmán

Sen tregua para O Porriño e Guardés na Liga Guerreiras

Ambos equipos xogan días ante do derbi galego.
O conxunto miñoto colisionará contra o potente Costa do Sol. (Foto: Atlético Guardés).
photo_camera O conxunto miñoto colisionará contra o potente Costa do Sol. (Foto: Atlético Guardés).

Xornada intersemanal para Atlético Guardés e O Porriño, os representantes da Galiza na Liga Guerreiras, a máxima categoría do balonmán feminino a nivel estatal. Os segundos volveron ao traballo logo dunha semana na que as súas xogadoras internacionais con Arxentina -Mica Casasola, Caro Bono e Aye Rosalez- disputaron os Xogos Panamericanos 2023 co reto de superar un choque fóra de casa nesta cuarta feira e outro tan cedo como a próxima fin de semana.

Xa que logo, a escuadra dirixida por Ismael Martínez viaxou onte até terras valencianas para por a proba o nivel dun conxunto recentemente ascendido, Elda Prestixio (Pavillón Florentino Ibáñez, 17 horas), aperitivo do derbi galego do domingo. Na clasificación, o conxunto do sur da Galiza figura no sexto posto, mentres que a formación levantina é antepenúltima con só un triunfo en oito encontros.

Porén, Martínez non infravalora o nivel do Elda Prestixio, e resalta as "dificultades" que afrontou para preparar correctamente o choque, tendo en conta as ausencias das internacionais arxentinas: "A un cadro de xogadoras corto, como é o noso, quitarlle tres xogadoras fai moi complicada a preparación".

Para o técnico, a chave do duelo galego-valenciano estará na capacidade das súas para "dar un paso cara adiante e afinar de cara á portería contraria", xa que "xa van varios partidos nos que a gardameta contraria sempre é a mellor". 

A Sangriña acolle o partido estrela da xornada

O Pavillón da Sangriña dará esta cuarta, ás 13:00 horas, o pistoletazo de saída á novena da Liga Guerreiras Iberdrola co partido estrela da xornada, no que colisionarán o Mecalia Atlético Guardés, quinto clasificado, contra o Costa do Sol Málaga, terceiro, nun choque que estará dedicado á iniciativa Non á violencia de xénero que promove o Goberno galego.

A formación miñota chega ao envite tras unha semana de descanso e gañando o coa inercia positiva do triunfo no seu último encontro ante, curiosamente, o rival desta cuarta do Porriño, Elda Prestixio, a súa primeira vítima a domicilio. Para o equipo de Cristina Cabeza, o partido de mañá é "decisivo" para entrar en Europa e supón, de novo, "un gran desafío" para manter a imbatibilidade no seu feudo.

Comentarios