Balonmán

O Porriño e Guardés entran en xogo na Liga Guerreiras

Duplo duelo na elite do balonmán estatal.
Ambas as formacións do páis entran en acción nun derbi fratricida. (Foto: Atlético Guardés).
photo_camera Ambas as formacións do páis entran en acción no día de hoxe. (Foto: Atlético Guardés).

Xornada intersemanal na Liga Guerreiras, a máxima categoría do balonmán estatal, onde o Conservas Orbe Rubensa O Porriño e o Mecalia Atlético Guardés disputarán senllos compromisos. No referente a esta última formación, logo dunha semana sen competir volve á carga cun partido crucial se non quere descolgarse -quen sabe se de forma definitiva logo dun comezo de campionato máis que irregular- da zona nobre da clasificación.

O seu rival desta cuarta feira (20.45 horas, Pavillón da Sangriña) será o sétimo na táboa, Rocasa Gran Canaria, nun choque correspondente á oitava data orixinalmente adiado a causa dos Xogos Panamericanos de Chile.

A entidade miñota chega ao envite tras dúas durísimas derrotas contra Málaga e O Porriño, nas que perdeu pola mínima a pesar de dominar en ambas as primeiras metades. Por iso, como resalta a súa preparadora, Cristina Cabeza, a esixencia é máxima: "Temos a necesidade de puntuar de maneira urxente para non descolgarnos da parte alta da táboa".

"Desde o corpo técnico vemos o equipo bastante ben. É verdade que tivemos unha fin de semana sen competición e as xogadoras puideron descansar moito, pero tamén somos conscientes de que temos dous partidos moi importantes en catro días, o primeiro contra un conxunto como Gran Canaria que está indo de menos a máis", indicou Cabeza.

O feche dunha primeira volta "brillante"

Outro choque aprazado con respecto á súa data orixinal, neste caso a causa dos compromisos europeos das andaluzas, é o Balonmán O Porriño-Costa do Sol Málaga desta cuarta feira (20 horas, Cidade Deportiva de Carranque).

A meta das galegas, pola súa parte, é estender o bo sabor de boca que lles deixou o derbi ante o Guardés, vitoria coa que ascenderon até a quinta praza da Liga Guerreiras, sendo cuarto o Costa do Sol Malaga, cun partido máis que O Porriño. 

En relación ao rival, o técnico do Conservas Orbe Rubensa considera que a situación se atopa ao seu favor: "Temos moitísima ilusión de sacar algo positivo en Málaga. Elas teñen a vista moi posta no partido de volta en Europa, polo que gañar en Málaga suporía fechar unha primeira volta brillante contra un equipazo con xogadoras de primeirísimo nivel". 

Comentarios