Pontevedra quenta motores para a final das Series Mundiais

O maior evento deportivo do 2023 que acollerá non só a Galiza, senón o conxunto do Estado, será a Gran Final dunhas Series Mundiais de Tríatlon que arrancarán esta semana en Pontevedra. Onte, o alcalde da Boa Vila, Miguel Anxo Fernández Lores, e o lendario Javier Gómez Noya analizaron os seus tres circuítos.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, co triatleta Javier Gómez Noya. (Foto: Concello de Pontevedra).
photo_camera O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, co triatleta Javier Gómez Noya. (Foto: Concello de Pontevedra).

Pontevedra escribirá esta semana un dos capítulos máis importantes da súa historia ao acoller o maior e máis importante evento deportivo disputado nunca na Boa Vila: a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon 2023.

O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, estivo esta segunda feira acompañado polo lendario Javier Gómez Noya para analizar e comentar polo miúdo os trazados das probas que se desenvolverán ao longo dos vindeiros días, comezando o 22. "Desde hai anos temos unha relación especial co tríatlon e cos triatletas, e exemplos coma Pablo Dapena ou Javi Gómez Noya son claros", explicou o rexedor.

O subcampión olímpico en Londres 2012 sinalou que "abonda con botar unha ollada ao pasado para comprobar que ter a Gran Final das Series Mundiais en Pontevedra é un feito histórico, en comparación con cidades que foron escollidas como sede anos atrás, como Londres, Pequín ou Budapest.

No referido aos percorridos, o pentacampión mundial explicou que a natación "é atípica" polas propias características do Lérez e as súas correntes, o que pode propiciar sorpresas á hora de ver quen sae primeiro da auga. "Ademais, é un intre moi atractivo para o público, xa que a proba pode ser seguida desde a Ponte dos Tirantes, a pasarela peonil ou desde as marxes do río, o que permite identificar de modo moi doado a todos os e as atleta", engadiu Gómez Noya.

Sobre o trazado ciclista, o histórico triatleta sinalou que "con respecto ao nivel orográfico non ten demasiada dificultade", vaticinando inmediatamente despois que o ritmo e o nivel da competición, "con postos olímpicos en xogo", será moi alto.

Finalmente, a carreira a pé para el será unha cousa "espectacular". "As rúas, o ambiente… este tipo de trazado tráeme algúns dos mellores recordos que teño como deportista. Correr por Pontevedra é unha experiencia única", afirmou un Javier Gómez Noya que concluíu salientando "os xiros, as subidas do circuíto e as posibilidades que ofrece á hora de atacar".

Comentarios