Iván Raña apadriña a volta do Tríatlon do Porriño pola igualdade

A proba de Tríatlon do Pooriño reactívase após a pandemia. Desta vez conta coa participación do campión do mundo Iván Raña.
Iván Raña, no centro, no Porriño (Foto: Concello do Porriño).
photo_camera Iván Raña, no centro, no Porriño (Foto: Concello do Porriño).

O vindeiro sábado 16 de xullo centos de atletas percorrerán os 25.950 km de circuíto do Tríatlon Concello do Porriño, entre eles, o Campión do Mundo, Iván Raña que, ademais de participar este ano, apadriña o evento.

O galego, de 43 anos, anunciara o ano pasado que deixaba o tríatlon profesional para enfocarse noutros proxectos. Campión mundial, dobre diploma olímpico, sempre foi moi receptivo a este tipo de eventos.

Esta sexta feira estivo na presentación da proba deportiva porriñesa que, tras o parón derivado da pandemia, chega á súa sétima edición. 

Como outros anos, o tramo de natación sprint é de 750 metros e desenvolverase no río Miño fronte á sede da Comandancia Naval de Tui. O tramo de bicicleta é de 20 quilómetros entre Tui e O Porriño e finalmente será a carreira pedestre, cun percorrido de 5 quilómetros que se disputará no casco urbano do Porriño.  

Na edición deste ano a iconografía e a cartelaría xira ao redor da bandeira do Orgullo, sumándose ao movemento en defensa da diversidade e pola igualdade de dereitos das persoas LGBT

Mini Tríatlon

Nesta edición tamén terán a súa proba as categorías máis novas: o Tríatlon Mini. Disputarase o mesmo día en horario de mañá e poden participar as nenas e os nenos de entre 4 e 10 anos acompañados por un adulto. O único requisito será saber nadar 25 metros ininterrumpidamente e saber andar en bicicleta. 

Terán que completar 25 metros na piscina municipal, 700 metros en bicicleta desde a piscina até a igrexa e alí farán a transición para encarar os 300 metros de carreira a pé até o Concello. A inscrición estará aberta até o 13 de xuño ou até completar as 45 prazas.

Comentarios