Haberá dous derbis galegos na Copa da Raíña de Fútbol Sala

A Federación Española leva a cabo o sorteo esta cuarta feira.
Na derradeira xornada ligueira Poio superou Burela por 2 a 1, polo que o resultado da eliminatoria non pode ser máis incerto. (Foto: RFEF)
photo_camera Na derradeira xornada ligueira Poio superou Burela por 2 a 1, polo que o resultado da eliminatoria non pode ser máis incerto. (Foto: RFEF)

A sede da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), situada na coñecida como Cidade do Fútbol das Rozas, en Madrid, acolleu o sorteo da terceira eliminatoria da Copa da Raíña de Fútbol Sala, que se disputará integramente o 1 de novembro e que dará acceso a unha fase final programada en sede única -aínda por determinar- do 12 ao 14 de abril de 2024.

En total foron 16 os equipos que alcanzaron esta rolda, dos cales seis son galegos (Pescados Rubén Burela, Poio Pescamar, Viaxes Amarelle da Coruña, Marín Futsal, Ourense Ontime, e FSF Castro Bloques Cando de Castro de Rei), o que reflicte o peso que ten actualmente a Galiza no fútbol sala feminino estatal.

Nesta ocasión as mans inocentes foron as de Anita Luján, xogadora do Futsi Atlético Navalcarnero, e de Patricia González Mota, 'Peque', unha histórica do Burela que este verán deixou a escuadra laranxa, na que militou durante nove tempadas, para regresar ao seu Madrid natal e asinar polo Alcorcón. 

A sorte quixo que catro dos seis conxuntos galegos se enfronten entre eles en senllos derbis, sendo o máis atractivo sobre o papel o que enfrontará o Pescados Rubén Burela co Poio Pescamar.

A formación da Mariña non só é a vixente campioa, senón que tamén é a gañadora das últimas cinco edicións e máxima favorita -con permiso do seu eterno rival, Navalcarnero- para repetir título. Non obstante o Poio Pescamar, a pesar de vivir un mal momento de xogo e resultados, xa sabe o que é superar o Burela nos últimos anos e venderá moi cara a súa pel.

No outro derbi tamén participa un club que xa sabe o que é levantar o título copeiro, Ourense OnTime, pois logrou facerse co triunfo en 2017, nunha Copa da Raíña que se disputara en Poio. Diante terá un Castro que tras lograr o ascenso á máxima categoría estatal a pasada campaña está vivindo un rápido proceso de aclimatación á competición, pois xa probou as meles do triunfo e olla de preto a zona morna da táboa.

O Amarelle da Coruña, pola súa parte, aspira a dar a sorpresa ante un dos grandes, Torreblanca Melilla, mentres que, por último, o Marín tampouco parte como principal candidato a chegar á fase final da Copa ante unha Associació Esportiva Les Corts que só perdeu un partido no que vai de Liga.

Comentarios