Burela e Poio protagonizan un derbi cunha final en xogo

Duelo fratricida pola final estatal de fútbol sala
Na ida impúxose o Pescados Rubén Burela por un resultado de 1-3. (Foto: Pescados Rubén Burela),
photo_camera Na ida impúxose o Pescados Rubén Burela por un resultado de 1-3. (Foto: Pescados Rubén Burela),

Segundo asalto do duelo fratricida no play-off polo campionato estatal de fútbol sala que disputan Pescados Rubén Burela e Poio Pescamar. Nesta ocasión o derbi galego será hoxe ás 17 horas no Pavillón Municipal Vista Alegre da localidade mariñá, onde a escuadra local aspira a deixar liquidada a eliminatoria e a visitante a empatar para seguir con vida.

De perder este sábado ante o seu público, Burela e Poio xogarían un terceiro partido o 13 de xuño no Pavillón da Seca, xa que a formación da comarca de Pontevedra conta coa vantaxe de campo por rematar a fase regular nun posto superior.

Este escenario supón un "risco" que o técnico laranxa, Julio Delgado, desexa evitar a toda costa, polo que suporía de "desgaste físico e mental" para as súas xogadoras. 

O seu homólogo poiense, Luís López-Tulla, que confirmou a "recuperación" das súas pupilas despois dun primeiro encontro no que o Pescados Rubén foi moi superior, agarda que o duelo en Burela sexa moito máis "igualado" e que poidan ser quen de forzar o desempate. 

O que logre avanzar de rolda colisionará na final co gañador do choque entre Futsi Navalcarnero e Torreblanca. As madrileñas son claras favoritas, tanto pola súa condición de vencedoras da fase regular como polo seu triunf0 (3-1) no encontro de ida, aínda que o melillense é un dos bloques máis en forma do campionato e sempre ameaza con dar a sorpresa.

O masculino laranxa está obrigado a gañar

Case paralelamente, ás 19 horas de hoxe, o masculino do Pescados Rubén Burela saltará ao parqué do Palau d'Esports de Alzira para tratar de manter acendida a chama do soño do ascenso a unha máxima categoría do fútbol sala onde o único representante da Galiza é o Noia Portus Apostoli.

O Alzira, a pesar do dominio galego da pelota, logrou desde a quenda de penaltis o triunfo no partido de ida, polo que a escuadra da Mariña está agora obrigada a gañar en Valencia.

David Rial, preparador laranxa, encara este transcendental compromiso coas baixas de Pitero e Rikelme, o que multiplicará o esforzo necesario para plantar cara a un conxunto que se por algo destaca é pola súa entrega física, algo do que é consciente un Rial que prevé "un partido moi duro".

Comentarios