Os equipos galegos entran en xogo na segunda fase da Copa da Raíña de fútbol sala

Cinco conxuntos buscan hoxe vanzar no torneo do KO
De gañar ao Rodiles, o Marín vingaría a eliminación do Ferrol a mans das asturianas na primeira fase. (Foto: RFEF).
photo_camera De gañar ao Rodiles, o Marín vingaría a eliminación do Ferrol a mans das asturianas na primeira fase. (Foto: RFEF).

O fútbol sala galego vive unha xornada de auténtica festa no día de hoxe co gallo da disputa  da segunda fase da Copa da Raíña, que se desenvolverá integramente no día de hoxe coa única excepción do Wanapix Aldelis Intersala 10 Zaragoza-Pescados Rubén Burela.

Este duelo no que a escuadra laranxa comeza o seu percorrido para defender un título de campioa que ostenta ininterrompidamente desde o ano 2019 foi adiantado á noite de onte a causa das festas do Pilar que sacoden a vida na capital aragonesa, e finalizou fóra do horario de fechamento desta edición.

Con respecto ao resto dos conxuntos do país nesta rolda de dezaseisavos, entrarán en acción Poio Pescamar, Marín Futsal, Viaxes Amarelle da Coruña, FSF O Castro e Ourense Ontime, pois Cidade das Burgas e Valdetires Ferrol foron eliminados na primeira fase tras perder contra Bembrive e Rodiles, respectivamente.

A fortuna quixo que Marín Futsal teña a oportunidade de vingar o Ferrol, pois o seu rival será o Rodiles de Villaviciosa, nun partido programado ás 18.15 horas da tarde no Polideportivo Municipal Manuel Busto da localidade asturiana e no que o equipo pontevedrés parte como favorita por militar nunha categoría superior.

Tamén encaran o seu compromiso copeiro como principais candidatas a alcanzar os oitavos de final da Copa da Raíña as súas veciñas do Poio Pescamar, quen saltarán ao parqué do Pavillón Joaquín López Fontes da Algaida (Murcia) ás 12 horas sen a súa última incorporación, a xaponesa Yotsui Saki, que confirmou onte a súa chegada a Poio desde o Pescados Rubén Burela.

Á mesma hora terá lugar o Gran Canaria Teldeportivo-Ourense On Time, nun duelo de poder a poder nas Afortunadas entre o sétimo clasificado do Grupo '3' da categoría de prata e o quinto do Grupo '1'.

Pouco despois, ás 12.30, será a quenda do Amarelle, que visitará o fogar dun Segunda, o Xaén, fechando a xornada FSF O Castro, que quere sacar petróleo ás 20.30 do mal momento do Sala Zaragoza.  

Comentarios