O Maratón da Coruña acaba en María Pita sete anos despois

Paralelamente terá lugar unha proba de 10.000 metros.
No último ano pre pandemia, 2019, participaron 2.000 persoas. (Foto: Concello da Coruña).
photo_camera No último ano pre pandemia, 2019, participaron 2.000 persoas. (Foto: Concello da Coruña).

O 2 de outubro regresa a Maratón Atlántica Coruña 42, que neste 2022 alcanza a súa novena edición presentando un novo circuíto que, sete anos despois, volve ter a súa meta na céntrica praza de María Pita.

O maratón porá a proba a resistencia das e dos deportistas cun percorrido de 42.195 metros polas rúas herculinas, onde, ademais, se desenvolverá, en paralelo, unha carreira de 10 quilómetros.

Este partirá da avenida de Montouto, presentando tres tramos ben diferenciados. O primeiro consistirá nunha volta de 14.695 metros na que as e os atletas pasarán pola Mariña, os Cantóns e a praza de Ourense antes de  dirixirse cara a Palloza, onde enfilarán a avenida do Exército pisando rúas como Ramón y Cajal, Pérez Ardá ou Salvador de Madariaga, onde efectuarán un xiro de 180 graos; despois, chegarán á zona portuaria e regresarán cara o punto de saída.

Alí comezará o segundo tramo, que repite o primeiro e engade case tres quilómetros pola Avenida de Enrique Salgado Torres até a rotonda de Lonzas; nese punto virarase para tomar de novo dirección cara o porto e regresar á avenida de Montouto. 

Os últimos 10 quilómetros consistirán nun roteiro pola zona das praias de Riazor e Orzán tras atravesar Juana de Vega, Santo André e Rúa Alta. As e os deportistas correrán primeiro cara Manuel Murguía, pegados ao estadio do Deportivo, e, posteriormente, en sentido á Torre de Hércules antes de afrontar os últimos metros por unha superficie empedrada que se estende por Sol, Santo André, Rúa Nova, Rúa Real, Rego de Auga e, finalmente, a praza de María Pita, onde estará a meta.

Recupérase así a chegada na emblemática praza, "que só se rexistrou, con moi boa aceptación por parte das e dos atletas, na edición de 2015", salientaron desde a organización.

Ambos os circuítos -tanto o da Coruña 42 e como o de 10 quilómetros paralelos, aínda que non coincidirán no espazo e no tempo- "serán homologados pola Real Federación Española de Atletismo (RFEA) a finais de agosto ou principios de setembro". 

O prazo de inscrición ordinario estará aberto até o domingo 18 de setembro, mentres que o extraordinario estenderase até o 25 do mesmo mes, xusto unha semana antes da carreira.

Comentarios