Gharaboto gaña no Salnés e segue líder na Liga Atlántica de Billarda

O equipo de Marín levou a vitoria en Sanxenxo con 78 puntos.
Álvaro en Sanxenxo (Foto: Liga Atlántica de Billarda).
photo_camera Álvaro en Sanxenxo (Foto: Liga Atlántica de Billarda).

Baixo un intenso calor, o campo de billarda da parroquia de Nantes, en Sanxenxo (O Salnés), confirmou esta fin de semana o liderado da Liga Atlántica de Billarda (LAB) de Gharaboto, de Marín, que gañou con 78 puntos por diante de Lúa, de Sanxenxo, con 69 puntos, o mesmo que Corredoiras, de Bueu, que quedou en  terceiro lugar. A pesar das condicións extremas de calor, houbo golpes espectaculares e outros tan só magníficos.

Salientar a chegada desde Combarro (Poio) do equipo de Armadiña ao completo, 16 deportistas.

Foi a formación máis numerosa seguida de Gharaboto con 15 participantes. Valpaços con 14, Lúa con 12, Corredoiras con 8 ,e Rinoceronte con 3 completaron o cadro de participantes: 68 en total.

No individual, ganou Álvaro, de Gharaboto, mentres que na categoría feminina foi Belmira, de Valpaços. Nas Clasificacións Xerais Individuais as cousas están moi axustadas. O novo sistema de puntuación fai que non haxa tanta distancia entre os primeiros clasificados.

De momento, o líder Piru ten 10 puntos máis que a décima clasificada que é Tania. Para ter unha referencia, a tempada pasada despois da segunda xornada a distancia entre o primeiro e o décimo posto era de 16 puntos.

A clasificación xeral na conferencia Rías Baixas da LAB conta con Gharaboto como líder con 17 puntos máis que Lúa e 18 máis que Corredoiras. Valpaços tivo unha gran xornada e notou positivamente a presenza de Adriana que liderou ao equipo morado con 19 puntos.

Tamén sumaron para o equipo, Santiago e Albino, con 16 puntos os dous, e Belmira, con 15 puntos.

Así, o equipo de Vigo está cuarto na xeral, mais tan só a 7 puntos da segunda posición que ocupa Lúa. Armadiña con 56 puntos foi quinto e fixo unha actuación digna, moi digna. Rinoceronte quedouse con 28 puntos.

Comentarios