O mellor deporte autóctono chega o sábado a Culleredo

Campionato de Seleccións Norte-Sur de chave e billarda.
O Campo de Billarda de Nantes coa liga en marcha (Foto: LNB).
photo_camera A billarda (na imaxe) e a chave serán as modalidades en liza (Foto: LNB).

O complexo deportivo de Acea de Ama, en Culleredo, e máis concretamente o seu campo de rugby -usándose as súas porterías como varal, que estará situado a 40 metros da zona de saída-, foi a sede escollida pola dirección da Federación Galega de Deportes Autóctonos (FGA) para a segunda edición do Campionato de Seleccións Norte-Sur de Chave e Billarda.

A competición regresa ás 16.30 horas do sábado, 22 de xullo, logo da súa estrea hai un ano en Abegondo, contando unha vez máis coa presenza das cámaras da Televisión da Galiza (TVG), que retransmitirá o evento a través da TVG2.

Naquela ocasión o combinado do Sur obtivo un triunfo incontestábel sobre o do Norte na modalidade de billarda, impoñéndose por un contundente 13 a 2. Porén, ao longo da tempada da Liga Atlántica que vén de baixar o pano os e as integrantes da Conferencia Noroeste exhibiron un considerábel aumento de nivel, polo que non é en absoluto descartábel que dean a sorpresa ante unha selección do Sur, que, con todo, chega como clara favorita.  

En Acea de Ama o conxunto norteño formará, na categoría absoluta, con Collazo, Juan Carlos, Roi e Viqueira; na feminina con Merche e Irene e na infantil con Miguel e Valentín, sumando un total de oito nomes que representan até catro equipos diferentes. 

Pola súa parte, o Sur decidiu que integrasen o seu combinado Xan Rodiño, Álvaro, Ricard e Hugo na modalidade absoluta; Bego e Antía na feminina e Xián e Lucía na infantil. Desde a Federación Galega destacan que se trata "dunha selección moi nova" no referente á idade dos e das participantes, "xa que catro das súas integrantes están aínda na categoría infantil", así como o peso da muller na mesma, pois conta "cun total de tres xogadoras sobre os seus oito compoñentes".

Un novidoso sistema de competición

Con respecto á articulación práctica da competición, a organización decidiu configurar esta edición do Campionato de Seleccións Norte-Sur en catro grupos de catro xogadores ou xogadoras cada un.

Dúas delas corresponderán á escuadra setentrional e outra á meridional, que terán que afrontar tres carreiras por grupo, habendo un marcador final ao final de todas elas. 

Comentarios