A reconquista da billarda avanza en 2023

O 'deporte nacional' anuncia as novidades da próxima tempada
Desde a Federación Galega destacan o carácter "igualitario" dunha modalidade que "non discrimina nin por idade nin por sexo" (Foto: FGDA).
photo_camera Desde a Federación Galega destacan o carácter "igualitario" dunha modalidade que "non discrimina nin por idade nin por sexo" (Foto: FGDA).

Sen case tempo para descansar, pois decorreron apenas dúas semanas desde que o Campionato de Seleccións Norte-Sur baixara o pano da campaña 2022/23 na billarda, Manzaneda acolleu onte o primeiro evento de pre tempada da 2023/24.

Esta foi a inaugural das oito probas preparatorias para a nova edición da Liga Atlántica de Billarda, estando previstas as seguintes os días 12 (A Coruña e San Xoán de Río), 13 (Bueu e Carballo), 15 (de novo en San Xoán de río), 19 (Sanxenxo) e 20 de agosto (Betanzos).

Segundo explicou para Nós Diario Xan Rodiño, un dos principais talentos do deporte no país e membro do Comité Técnico de Billarda, que está integrado na Federación Galega de Deportes Autóctonos (FGDA), chegarán "a 29 concellos" na Liga 2023/24. 

"Continuamos coa distribución norte-sur mediante a Conferencia Noroeste e a Rías Baixas, pero abrirémonos a novos territorios", apuntou Rodiño, engadindo que "este ano haberá por vez primeira un equipo federado en Lugo, así como unha xornada de Liga nesa provincia, concretamente en Castro de Rei; e no sur debutaremos en Barro, ademais de manter as principais prazas, como a comarca do Salnés, a do Morrazo, Vigo, Pontevedra, A Coruña ou Bergantiños".

O obxectivo non é outro que "levar a práctica da billarda a lugares novos para intentar estendela por toda a Galiza", un traballo de difusión e recuperación que para as persoas detrás desta misión supón unha "reconquista" de terreos e espazos perdidos nos que, saben, "se xogaba antigamente nalgún momento da historia".

A importancia de contar cunha Federación propia

En 2020 a Xunta da Galiza recoñecía a billarda como modalidade deportiva, e un ano máis tarde, en 2021, nacía a Federación Galega de Deportes Autóctonos. Desde entón, as persoas vinculadas a unha modalidade que consideran o "deporte nacional" ollan ao futuro con optimismo.

"Remitíndonos tan só aos números, ás estatísticas, a última tempada supuxo a consolidación despois de dous anos xogando federados, salientaron desde a FGDA, apostilando que xa teñen "aproximadamente 250 licenzas, o que, para ser unha disciplina minoritaria que non foi considerada deporte até hai tres anos, está moi ben". 

Ademais, puxeron en valor uns datos de participación feminina que se elevan xa até 30% do total, así como unha cifra de nenos e nenas de menos de 14 anos que ascende a 45 persoas, o que os leva a pensar que a práctica da billarda "se consolidará no futuro".

Desa opinión é Xan Rodiño, quen olla o futuro con optimismo: "Nós, as persoas que comezamos con este labor e que aquí seguimos, un día marcharemos, e outras virán despois, pero que a billarda é un deporte xa está conseguido, e iso non vai volver atrás nunca máis".

O recoñecemento e a oficialización a través da Federación significou que a billarda -igual que a chave- está presente nas escolas a través do programa Xogade da Xunta da Galiza, provocando que ao mesmo tempo que se ensancha progresivamente a base dos e das practicantes suba o nivel competitivo nas probas.

Porque, nun dato moi significativo que indica Rodiño, na selección do Sur que fechou o calendario da pasada campaña, 50% dos e das súas integrantes tiñan menos de 14, todos e todas elas "clasificados por méritos deportivos", noutra boa mostra dunha das características da billarda, que é a "ausencia de segregación por idade e por sexos".

O Campionato Galego incorpórase ao calendario

'Nós Diario' puido acceder ao calendario da nova tempada 2023/24, no que a Federación Galega de Deportes Autóctonos continúa coa expansión da disciplina da billarda creando unha nova proba especial, o Campionato Galego, que se une á Supercopa, á Copa Xunta da Galiza, ao Campionato de Seleccións Norte-Sur e á Liga Atlántica. Esta última botará a andar na fin de semana do 9 de setembro no Grove (Rías Baixas) e Arteixo (Noroeste), acabando o 30 de xuño do 24. 

Comentarios