A Galiza xa coñece os rivais na fase intermedia da Copa das Rexións UEFA

A 'Irmandiña' entrará na Fase Intermedia da Copa das Rexións UEFA e compartirá grupo cos representantes de Hungría, Eslovenia e Suíza. 
A selección galega (RFGF)
photo_camera A selección galega (RFGF)

A Galiza será a representante estatal na Fase Intermedia da Copa das Rexións UEFA e compartirá grupo cos representantes de Hungría, Eslovenia e Suíza. No sorteo  para as roldas preliminar e intermedia no regreso da competición europea de carácter amador, a Galiza estará directamente na Fase Intermedia ao ser a vixente campioa estatal tras derrotar o pasado 11 de marzo de 2020, pouco antes de decretarse o confinamento, a Andalucía na final. 

En total, inscribíronse 36 federacións, das cales Malta e San Marino presentarán seleccións nacionais non profesionais e o resto estará representado polas seleccións rexionais.

As seleccións das 31 federacións participantes con maior coeficiente de competición, entre elas a galega, comezarán na Rolda Intermedia, e as outras cinco participarán na rolda preliminar para pelexar polo posto restante da rolda intermedia.

Os partidos da rolda intermedia xogaranse entre o 15 de agosto e o 9 de decembro de 2022. Os oito gañadores dos grupos da rolda intermedia clasificaranse para a fase final, que decorrerá nas últimas semanas de xuño de 2023. 

Un total de 32 seleccións participantes

Os 32 contendentes (31 equipos que participan nesta rolda e o gañador da rolda preliminar) dividíronse en catro grupos de oito equipos en función dos seus coeficientes.

Os equipos, á súa vez, dividíronse en oito grupos de catro equipos, cada un deles cun de cada grupo. A continuación designaranse os anfitrións de cada mini torneo e os oito gañadores dos grupos clasificaranse para a fase final.

Entre os grupos máis complicados está o 8, que reúne a Alemaña, Italia, Inglaterra e Macedonia do Norte xunto co 4, no que están a República Checa, Irlanda do Norte, Gales e Suecia.

Comentarios