Fútbol base, canteira de sentimento

A normalidade volve tamén ao deporte de base. A Real Federación de Fútbol Galego anuncio a volta das seleccións de fútbol e fútbol sala coa incorporación do seu corpo técnico. Quixemos saber como se vive este momento nestas categorías á espera do agardado retorno da selección absoluta.
A selección galega masculina Sub 14 no Campo de Oira, Ourense, en 2019 (Foto: RFGF).
photo_camera A selección galega masculina Sub 14 no Campo de Oira, Ourense, en 2019 (Foto: RFGF).

O anuncio realizado esta semana pola Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) do nomeamento do equipo técnico das seleccións galegas nas diferentes categorías reactivou a base deste deporte. Rapazas e rapaces volverán competir levando as cores da Galiza e traballando valores que van máis alá do xogo. Entre as adestradoras e os adestradores que se escolleron hai nomes que repiten no organigrama federativo polo seu bo facer.

É o caso de David Páez que antes da pandemia levaba a selección masculina sub 14 e para esta tempada foi escollido como responsábel da sub-16. "Conseguimos unha clasificación histórica para a Galiza, chegamos até a final sen encaixar ningún gol nin perder ningún partido mais suspendeuse coa chegada da Covid-19", explica a Nós Diario. Agora seguirá co mesmo equipo dous anos despois e agardando recuncar nos resultados. 

O sentimento de representar a Galiza

"Hai moitas ganas de xogar coa selección galega", asegura o adestrador da sub 16, que mantén un contacto estreito cos seus xogadores, "teñen un sentimento moi fiel a Galiza e nótase cando desde a Federación fan moitos eventos onde se difunden os nosos símbolos". Conta que nos vestiarios, cando ten que dar as indicacións técnicas e comunicarse, o primeiro que fai é unir ao equipo ao redor do idioma.

"Segundo entrei pola porta o primeiro día xa lles dixen que falariamos galego e a aceptación foi total, mesmo no caso dun xogador de Marrocos que está no Celta", relata. Páez é partidario de estender esta práctica lingüística tamén fóra, como nas redes sociais, "e identificarnos coa nosa bandeira". 

Outra das escollidas, que tamén repite experiencia como adestradora, é Vicky Vázquez. Esta tempada será a responsábel das seleccións femininas de sub 12 e sub 15. "É moi gratificante ver esa evolución das rapazas e darnos conta de que no fútbol feminino na Galiza hai moitas xogadoras", comenta a Nós Diario. Vázquez engade que estar na selección é "sentirse máis profesional, pasoume a min cando estiven nela e decátaste que fas cousas diferentes ás que realizas co teu equipo, notas que estás coas mellores". Outra das singularidades é que fan equipo "moito máis rápido".

Alto nivel no fútbol base da Galiza

"O fútbol base galego está ao nivel dos mellores do Estado español", asegura Páez. A explicación, para o adestrador nacional, é que "os clubs están traballando moi ben" desde os que teñen máis capacidade, "como o Celta, o Depor e o Lugo até os que contan con convenios con eles". O resultado é que saen moi bos xogadores da canteira "para os equipos galegos e mesmo para clubs de fóra da Galiza", indica. 

 Non todo son facilidades cando se trata de facer unha aliñación, mais aínda se falamos de fútbol feminino. "Nas categorías alevín están moi espalladas por toda a Galiza e o traballo é moi difícil por non poder chegarmos a todas elas", asegura esta adestradora. A visibilización é fundamental máis complícase "cando temos tantos equipos mesmo até en lugares moi afastados".

Unha das maneiras de solucionar este problema foi a creación desde a Federación dos campionatos comarcais que peneiraban as diferentes delegacións. "Facilitounos moito o traballo ás seleccións, doutra maneira sería imposíbel que unha soa persoa puidera facer ese traballo". 

Seguimento de deportistas e selección absoluta

A RFGF conta cunha base interna de datos nas que figuran as xogadoras e os xogadores que pasaron polas mans do equipo técnico das diferentes categorías de fútbol e fútbol sala na Galiza. "Informamos de todos os partidos que vemos e temos que enviar convocatorias de adestramentos e de encontros polo que sabemos o seu nivel", explica Páez ao tempo que indica que este sistema "facilita o traballo se hai mudanzas nos técnicos noutras tempadas".

Páez agarda con que coa chegada da recuperación da normalidade que perderon como consecuencia da pandemia "volva a selección galega absoluta", unha idea que "uniría ao fútbol galego". Polo de agora contan coa selección de afeccionados onde Galiza conseguiu ser campioa de España hai dous anos. "Sería magnífico ter a selección absoluta, hai moi bos xogadores e teríamos un once galego co nivel dun equipo de Primeira División". 

Vázquez pide tamén que volva a selección absoluta feminina "e que non o faga só cun partido de exhibición, teríamos que poder competir como pasa coa masculina, que conta cun campionato de rexións UEFA e un campionato de España, sen competición nontemos unha meta".

Comentarios