A Galiza volverá contar con tres probas na Copa de España de ciclismo

Repiten no calendario de 2024 os Grandes Premios de Pontevedra, Padrón e Vigo.
O primeiro certame será o da Boa Vila e está programado en marzo. (Foto: Sergio Rodríguez Rosales).
photo_camera O primeiro certame será o da Boa Vila e está programado en marzo. (Foto: Sergio Rodríguez Rosales).

A Comisión Delegada da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) vén de consensuar na súa última xuntanza o calendario de probas para a tempada 2024 da Copa de España de estrada, e por cuarto ano consecutivo a Galiza contará con tres eventos do máximo nivel. O primeiro deles será o Gran Premio Cidade de Pontevedra, que exercerá o 24 de marzo como terceira xornada do certame feminino.

As corredoras das categorías cadetes, júniors, élite/Sub-23 e másters buscarán puntos para a Copa na Boa Vila, nun GP Cidade de Pontevedra que nesta ocasión estará organizado pola empresa Noko 360 e que completa o primeiro bloque de citas deste circuíto. As dúas anteriores tamén terán lugar no norte da Península Ibérica, concretamente en Noja (Cantabria) e Beasain (Guipúscoa), nun calendario conformado por un total de oito carreiras.

Un par de meses despois, en maio, serán dous os certames que teñan lugar en territorio galego, coa competición elite/Sub-23 na súa modalidade masculina como gran protagonista e co atractivo engadido de ser as dúas ultimas probas puntuábeis da Copa de España, polo que está garantida a presenza dos mellores equipos e corredores do Estado. 

Este mesmo escenario tivo lugar no presente ano 2023, máis a principal diferenza está en que en 2024 as voltas organizadas polo Club Ciclista Padronés-Cortizo e o Vigo-Rías Baixas non compartirán fin de semana. 

Xa que logo, a primeira delas, a undécima edición da Rutas Xacobeas, con saída e chegada programada en Padrón o 11 de maio de 2024, dará paso unha semana máis tarde, concretamente o día 19 de maio, á Vigo Copa de España, a quen lle corresponderá a tarefa de baixar de forma definitiva o pano do torneo.

Máis en DEPORTES
Comentarios