Jesús Blanco Villar: "O ciclismo galego ten novos valores que darán que falar"

A de Jesús Blanco Villar (Rois, 1962) é unha vida totalmente ligada á bicicleta. Nunha época na que o ciclismo profesional galego languidece -aínda que el defende que ten futuro- continúa compartindo o seu saber cos novos talentos, desde a última semana do decembro como director do Club Vigo-Rías Baixas. 
O galego, durante a súa etapa no Lotus, en 1990. (Foto: Equipo Lotus).
photo_camera O galego, durante a súa etapa no Lotus, en 1990. (Foto: Equipo Lotus).

Dicir Jesús Blanco Villar é dicir ciclismo. Faga memoria. Cando comezou a súa historia de amor coa bicicleta, que se estende até o día de hoxe?

Cando comecei a correr con 10 anos, en Noia, no Club Ciclista Padronés. Alí estiven até que fun xuvenil. E logo, no ano que corrín na categoría de Afeccionados, en 1981, pasei ao Vigués porque non había equipo en Padrón de afeccionados. Despois xa saltei a profesionais co Teka.

Case dúas décadas como profesional, de 1982 a 1998, conseguindo vitorias en todos e cada un deses anos, avalan a súa consideración como un dos ciclistas galegos máis importantes de todos os tempos. Con que momento se queda daquela etapa da súa vida? O liderado da Vuelta a España do 86? Competir no Tour de Francia, quizais?

Unha das alegrías máis grandes da miña carreira foi gañar o Campionato de España de cadetes diante da miña xente, en Padrón. Despois, no 85, tamén foi xenial facerme coa Volta á Galiza, que lle gañei a Hinault [cinco veces vencedor do Tour]. E logo tamén destaco algúns dos meus triunfos na Vuelta a España, por equipos con Lotus e as individuais en Santander, na que me vestín de amarelo, ou a contra o reloxo individual de Valladolid. Pero, o que máis alegría e satisfacción me supuxo, foi rematar dous dos tres Tour de Francia que corrín. 

Destaca un triunfo que foi contra o reloxo, unha figura sempre interesante que no ciclismo actual ten un espazo cada vez menor no percorrido das carreiras, pois teñen moitos menos quilómetros e, polo tanto, menos influencia na clasificación xeral. A que pensa que se debe esa progresiva perda de importancia?

A cousa está cada vez máis desequilibrada, sinceramente, e por iso as carreiras perden interese. Evidentemente as etapas de montaña son espectaculares e marcan diferenzas, pero se tivesen unhas contra o reloxo nas que compensar ese tempo que corredores máis completos perden nas subidas quedaría máis equilibrada esa balanza. Na miña época chegamos a facer unha contra o reloxo individual de case 90 quilómetros no Tour de Francia, o que era unha tolemia, pero as contras longas eran habituais, o que permitía que os especialistas competiran cos escaladores.  

Tras botar pé a terra seguiu vinculando ao mundo das dúas rodas, dirixindo entre outros o Xacobeo durante a súa breve pero intensa existencia, no que foi a mellor época do ciclismo profesional galego no que vai de século. Como recorda aquela etapa?

O equipo profesional foi algo que todo ciclista galego quixemos ter na nosa terra. Tivo, ademais, unha gran repercusión no ciclismo de base, porque saber que había un referente onde poder correr algún día motivaba, e máis tendo en conta que aquí temos unha grandísima afección, das mellores,  e marabillosos percorridos cada vez máis coñecidos, como o Ézaro. 

Existe unha óptica pesimista sobre o estado actual do ciclismo profesional galego, e máis en comparación coa época do Xacobeo. Que e cando se torceu? Foi tan determinante como se di a súa desaparición?

Son ciclos que van pasando. Hoxe estamos nunha época non das mellores, pero temos Carlitos Canal e outros rapaces que haberá que darlles tempo para medrar. Penso que axiña saíran novos valores que darán que falar, que se ve que teñen boas perspectivas, non vou dar nomes, pero están aí, ao que axudará a existencia de carreiras profesionais como O Gran Camiño e de dúas voltas Élite/Sub-23 como son a da Coruña e á Galiza.

Comentarios