100 anos de selección galega, un século de fútbol en clave de país

O 19 de novembro de 1922 a Irmandiña xogaba o seu primeiro partido
A selección galega dos primeiros tempos vestía con camiseta branca e pantalón azul.
photo_camera A selección galega dos primeiros tempos vestía con camiseta branca e pantalón azul.

Iago Aspas, Thiago, Rodrigo, Gabri Veiga, Borja Iglesias, Angeliño... no xornal desta sexta feira fantasiamos en Nós Diario cos xogadores que integrarían a selección galega se disputase o Mundial de 2022, nun exercicio que retrotrae directamente ás pouco coñecidas orixes da selección galega de fútbol, que naceu tal día como hoxe hai exactamente 100 anos, 0 19 de novembro de 1922.

Porque foi unha enquisa dun xornal, o rotativo vigués Faro de la tarde, o que cunha enquisa animando ao seu público lector a participar nunha votación impulsou de forma decisiva a creación da Irmandiña, seguindo os pasos de territorios pioneiros neste eido como Catalunya, Guipúscoa e Biscaia.

Os nomes máis votados coñecéronse o 24 de abril de 1922 e, como rescata Afonso Eiré no seu libro O fútbol na sociedade galega, foron os de Ramón González (357), Moncho Gil (340), Polo (337), Torres (311), Luís Otero (305), Isidro (299), Posada (230), Queralt (209), Balbino (199) e Clemente (173), columna vertebral do primeiro once inicial da selección galega coas únicas excepcións deste último e de Posada, substituídos por Pasarín e Chiarroni na pizarra dos seleccionadores Fernando de Castro e José Bar.

A galiza gañou 4-1 a un combinado do centro do estado

O catalizador desa primeira convocatoria da selección galega foi o que daquela se chamaba 'Campionato Interrexional/Copa Príncipe de Asturias', organizado pola Asemblea de Clubs de Fútbol Español coa fin de ensaiar os xogadores que o combinado estatal levaría aos Xogos Olímpicos de París 1924.

No torneo participaron oito federacións territoriais: Asturias, Biscaia, Guipúscoa, Catalunya, Levante, Centro, Andalucía e unha Galiza que levou a cabo os seus primeiros adestramentos no campo de Bouzas, en Vigo, para preparar a súa estrea nun partido convocado o 19 de novembro de 1922 no tamén olívico recinto de Coia. 

Alí, e cun uniforme composto por pantalón azul e camiseta branca, a Irmandiña disputou a rolda de cuartos de final do Campionato Interrexional ante o combinado do Centro do Estado, que saltou ao terreo de xogo formando con Martínez; Manzanedo, Escobal; Anatol, Juanito Caballero, Adarraga; De Miguel, Vicente, Monjardín, Coronado e Del Campo, todos eles pertencentes ao Real Madrid Club de Fútbol, o Rácing de Madrid e a Real Sociedade Ximnástica Española, estes dous últimos xa desaparecidos.

O partido arrancou ás 15.15 horas da tarde polo atraso de case un cuarto de hora na aparición do colexiado, o pintoresco portugués Ivo Lemos, que vestía unha, para a época, estrambótica vestimenta composta por "zapatillas, unha camisa cor mostaza e un pano colgando da cintura como se fora un mandil a media asta". "Se en lugar  de silbato o referee levase unha cesta correndo polo campo, a rapazada non dubidaría en asedialo ao berro de 'Ei, o dos churros! Déame dous!", ironizaba Diario de Pontevedra.

O resultado final foi de 4-1 a prol da Irmandiña nun duelo, segundo Faro de Vigo, "máis que bo, interesante". "O pulo azougado dos nosos galeguiños desequilibrou o partido e toda a catedral tremeu e, por momentos, o balbordo do público foi inenarrábel", describía o periódico olívico.

Con todo, a goleada non foi tan doada como parece indicar o marcador, pois aínda que José Chiarroni desfixo as táboas iniciais cun tanto inicial a prol da selección galega, axiña empatou -de penalti- o seu rival mediante as botas dun galego que defendía as cores castelás, o coruñés do Real Madrid Juan Monjardín. Este  abandonaría a práctica do fútbol pouco despois por estar en contra da súa conversión nun deporte profesional, aínda que dadas as súas simpatías polo bando alzado na guerra civil española levou unha boa vida como axente de bolsa até a súa prematura morte nun accidente de tráfico no ano 1950, recibindo a súa familia as condolencias do mesmísimo Franco.

Pero, cando o choque estaba máis competido, até o punto de que a defensa -Otero e Pasarín- e a portería -Isidro- estaban sendo as liñas máis activas do equipo galego, a dianteira reivindicouse anotando o segundo (Polo) e o terceiro gol (Pinilla, desde os 11 metros). Ramón González estivo a piques de marcar o cuarto, pero errou no seu disparo cando se atopaba a apenas un metro da liña de gol. Porén, o medalla de prata olímpico nos Xogos de Amberes 1920 non perdoou na súa segunda gran oportunidade, fixando no electrónico -ou, naquela época, o manual- o 4-1 definitivo.

A Irmandiña tivo unha intensa actividade no seu primeiro ano de vida, intervindo en nove partidos máis, pero desde finais de 1923 e até o día de hoxe só participou en 13 encontros,  un cada sete anos e medio. Tendo en conta que o último foi o 20 de maio de 2016, hai seis anos e  seis meses, a matemática pura di que o próximo ano 2023 a afección do país terá a oportunidade de volver ver á súa selección nacional, pero o desleixo e o esquecemento no que permanece sumida pola actual dirección da Federación Galega leva a pensar con pesimismo que as matemáticas non sempre levan razón.

Comentarios