Castelao e a fe no soño ideal da selección galega: e se a Irmandiña xogase o Mundial?

Disque todas as persoas levan dentro un seleccionador nacional, así que, por que non deixar voar a imaxinación, esquecendo por un momento a gris realidade de subordinación e bloqueo na que se atopa a selección galega e soñar como sería unha Irmandiña no Mundial nun momento, ademais, no que veteranos como Aspas coinciden con talentos novos como Hugo Novoa.
Valorada en 185,5 millóns de euros, esta hipotética convocatoria da selección galega sería a vixésimo primeira máis cara do Mundial 2022. (Foto: H. Pena)
photo_camera Valorada en 185,5 millóns de euros, esta hipotética convocatoria da selección galega sería a vixésimo primeira máis cara do Mundial 2022. (Foto: H. Pena)

Cando xogan, as crianzas non teñen eses limites auto impostos indisociábeis da realidade adulta que trae consigo o decorrer dos anos. Elas soñan espertas, con voar, vivir máxicas aventuras en lugares remotos ou, por que non, coa selección galega de fútbol sendo da partida nunha Copa do Mundo.

Na súa mente non hai espazo para prohibicións e límites tan políticos como artificiais, nin para comprender porque outras nacións sen Estado como Gales ou Escocia, ou mesmo colonias como Xibraltar e Anguila, poden competir oficial e internacionalmente e o seu país non.

Castelao: "O verdadeiro heroísmo está en transformar os desexos en realidades, e as ideas en feitos"

Os nenos e nenas só pensan no hipotético once inicial, a listaxe de convocados, Lucas Pérez si ou Lucas Pérez non... E esa é a mentalidade coa que hai que abordar esta reportaxe, sabendo que polo de agora pensar nunha selección galega nun Mundial de fútbol só pode ser un soño, un divertimento, pero tendo sempre presentes dúas inmortais frases de Castelao: "O verdadeiro heroísmo está en transformar os desexos en realidades, e as ideas en feitos" e "un home que teña fe no ideal que propaga non debe resignarse a morrer sen velo realizado, a non ser que morra en loita polo seu ideal".

Partindo desta base, o potencial da Irmandiña no Mundial 2022 sería extraordinario, firme candidata a rematar entre as dúas primeiras clasificadas do seu grupo e xogar os oitavos de final.

O Celta, con cinco xogadores, sería o equipo máis representado nesta selección galega

A listaxe estaría conformada por 26 homes que militan en 18 equipos de sete campionatos diferentes —Primeira e Segunda División española, Premier League e Championship inglesa, Bundesliga alemá, Serie A italiana e Ligue 1 francesa—. O equipo con maior representación sería o Celta de Vigo, con cinco homes (Hugo Mallo, Kevin Vázquez, Denis Suárez, Gabri Veiga e Iago Aspas).

Con dous seguirían á escuadra celeste Raio Vallecano (Diego López, Santi Comesaña), Wolverhampton Wanderers (Jonny Otto, Hugo Bueno) e Sporting de Xixón (Pablo Insua, Diego Mariño), mentres que a convocatoria completaríana Róber Pier (Levante), Thiago Alcántara (Liverpool), Borja Iglesias (Betis), Angeliño (1899 Hoffenheim), Ricardo Rodríguez (Torino), Dani Rodríguez (Mallorca), Álvaro Fernández (Preston North End), Lúcas Vázquez (Real Madrid), Rodrigo Moreno (Leeds United), Charlie Patiño (Blackpool), Joselu (Espanyol), Brais Méndez (Real Sociedade), Hugo Novoa (Red Bull Liepzig), Rubén Blanco (Olympique de Marsella) e David Costas (Real Oviedo).

Os oitavos de final, obxectivo mínimo dun dos combinados máis experimentados

Das 32 seleccións actuais na Copa do Mundo 2022, a da Galiza sería a 21 con maior valor de mercado (7,13 millóns de euros de media por xogador), por diante clásicos do certame e outros combinados con menos experiencia como México (6,77), Corea do Sur (6,33), Gales (6,16), Camerún (5,96), Xapón (5,92), Ecuador (5,63), Túnez (2,40) Irán (2,38), Australia (1,48), Arabia Saudita (0,96), Costa Rica (0,72) e Qatar (0,57).

Posíbel once ideal que a Irmandiña podería presentar no Mundial.
Posíbel once ideal que a Irmandiña podería presentar no Mundial.

Este valor concéntrase nas liñas do medio do campo e o ataque, absolutamente temíbeis, e que con homes como Iago Aspas, Borja Iglesias, Rodrigo Moreno, Joselu, Brais Méndez ou Thiago Alcántara non tería nada que envexar ás principais potencias do planeta.

De xogar, Diego López tornaría aos seus 41 anos no cuarto xogador máis vello en competir nunha Copa do Mundo

A idade media desta Irmandiña sería de 27,8 anos -a quinta máis avanzada do Mundial, empatando co Xapón e o Uruguai e só por detrás de Bélxica (27,9), México (28,5) e o Irán (28,9)-, e, de disputar algún minuto, Diego López,  nado o 3 de novembro de 1981, tornaría no cuarto xogador máis veterano na historia da competición superando o norirlandés Pat Jennings como o cuarto xogador máis vello na historia dos mundiais, quedando só por detrás de Roger Milla (42 e 39 días), Fary Mondragón (43 e 3 días) e Essam el Hadary (45 e 161 días), todos porteiros menos o lendario atacante camerunés. 

No estremo oposto, no 'Top-10' dos xogadores máis novos estaría Charlie Patiño, con 19 anos e 34 días no momento do comezo da competición, unicamente por detrás de sete participantes no Mundial.

Comentarios