A Galiza exhibe o seu talento no Europeo de Piragüismo

Tono Campos sumou dúas medallas de ouro.
Bustos, Campos, Romero e Miguens posan cos seus metais no C-2. (Foto: Fegapi).
photo_camera Bustos, Campos, Romero e Miguens posan cos seus metais no C-2. (Foto: Fegapi).

O Campionato de Europa de Piragüismo na modalidade Maratón que se disputou na localidade danesa de Silkeborg foi prolixo en medallas para a representación galega.

A cousa non podía comezar mellor, pois se na primeira xornada de competición Iván Alonso (Piragüismo Olívico) lograba unha prata na proba short race e Tono Campos e Diego Romero un bronce no C-1 masculino, o botín aumentaba na segunda con outros dous metais, senllos bronces que acabaron colgados do pescozo de Diego Piñeiro (EP Cidade de Pontevedra) na carreira C-1 Sub-23 e Joaquín Iglesias (Piragüismo Verducido) no K-1 Sub-23, respectivamente.

Non obstante, os premios gordos chegaron nas últimas datas de competición. Así, Tono Campos e Manuel Garrido subiron ao máis alto do podio no C-1 sénior, facendo bos os prognósticos que lles outorgaban a condición de grandes favoritos. Ademais, Iván Alonso tamén repetía metal, no seu caso unha prata no K-1, logo de asinar unha fantástica actuación nun certame onde só o danés Mads Pedersen foi mellor que o galego. 

Finalmente, e cando o Europeo estaba a horas de baixar o pano, Tono Campos, nesta ocasión acompañado de novo por Diego Romero, conquistaba unha nova medalla de ouro -para alcanzar un total de 12 metais en campionatos de Europa para Tono Campos-, rematando en primeira posición no C-2 sénior por diante dos representantes de Polonia e os tamén galegos Fernando Busto e Diego Miguéns, que volven á Galiza cun meritorio bronce.

Pontecesures, terceiro no Estatal de Promesas

O Club Náutico Pontecesures alcanzou a terceira posición no campionato de España de Novas Promesas, disputado no encoro de Pontillón de Castro, en Verducido (Pontevedra).

A escuadra galega partía como favorita para ocupar un dos postos de podio na clasificación xeral por equipos, na que despois de 277 carreiras disputadas sumou un total de 651 puntos que lle outorgaron a terceira posición.

A vitoria foi para Club Piragüismo Aranxuez (998 puntos), mentres que o subcampeonato viaxou até Sevilla da man do Círculo Mercantil (786) puntos.  As Torres de Catoira, con 398 puntos, rematou na sexta praza.

Comentarios