Os equipos galegos da elite do fútbol sala regresan á Liga logo da disputa da Supercopa

O Alcorcón-Amarelle promete ser un dos partidos máis destacados sobre o papel.
O Amarelle fichou Julia Dupuy.
photo_camera O Amarelle fichou Julia Dupuy.

O deporte non dá tregua, e apenas unha semana despois da disputada da Supercopa, onde Burela e Poio demostraron a supremacía galega no fútbol sala protagonizando unha final na que se impuxo pola mínima (1-0) o conxunto da Mariña, regresa este sábado a Primeira División.

O partido máis interesante da décimo novena xornada na competición da regularidade de entre todos os que contan con representación nacional é, sobre o papel, o Arriva Alcorcón-Viaxes Amarelle (16.30 horas). A escuadra herculina, duodécima clasificada, tratará de dar a sorpresa fronte a un Arriva Alcorcón que integra xunto con Melilla e Futsi Atlético Navalcarnero a terna de perseguidores do líder, Pescados Rubén Burela.

Precisamente a flamante supercampioa terá a oportunidade de devolverlle o favor ao Amarelle se consegue imporse a un rival directo das herculinas na zona baixa da táboa, Atlético Torcal, ás 20 horas en Vista Alegre.

Paralelamente, na localidade madrileña de Maxadahonda a súa vítima na final da Supercopa, Poio Pescamar, visitará outro bloque da fondo da táboa, o Raio, co obxectivo de continuar recortando a distancia de nove puntos que a separa do play-off polo título ligueiro.

Contribuiría a ese obxectivo que o Marín, antepenúltimo clasificado, lograse, contra todo prognóstico, derrotar na súa casa o potente Futsi Navalcarnero (17 horas), a quen o Pescados Rubén Burela sufriu moitísimo para vencer nas semifinais da recente Supercopa de España, lográndoo unicamente a través do lanzamento de penaltis.

Finalmente, outro partido con presenza galega é o FSF Castro Bloques Cando-Leganés (19.30 horas), no que as de Castro de Rei están obrigadas a facerse coa vitoria, pois as súas rivais tan só levan un punto no que vai de torneo.

Comentarios