Piru, novo técnico do Amarelle de fútbol sala

Cambios na dirección dun dos representantes da Galiza na elite do fútbol sala.
Piru, na súa etapa no Alcorcón. (Foto: Viaxes Amarelle).
photo_camera Piru, na súa etapa no Alcorcón. (Foto: Viaxes Amarelle).

O equipo de Primeira División Nacional Feminina de Fútbol sala do Viaxes Amarelle FSF xa ten dono para a tempada 2023/2024.

O elixido para dirixir á escuadra laranxa o ano próximo é Raúl Castro, coñecido deportivamente como ‘Piru’.

O técnico madrileño acumula gran experiencia no fútbol sala feminino, e os últimos 10 anos viviunos en diferentes equipos do AD Alcorcón FSF.

Trátase dun preparador que, salientan desde o Amarelle, “aposta firmemente pola canteira do club, e espreme ás súas xogadoras para optimizar resultados”, unha filosofía coa que conseguiu finalizar como subcampión ligueiro –tras perder a final co Pescados Rubén Burela- na tempada 2019/20.

Este será o primeiro reto de Piru lonxe da súa casa, no que tratará de dar continuidade a un equipo que mantén as bases do ano anterior.

O inicio da pretemporada para o Viaxes Amarelle está previsto para o vindeiro luns 14 de agosto de 2023.

Un mes máis tarde comezará a tempada regular de Primeira División Nacional de Fútbol sala, onde as herculinas visitarán na primeira xornada un dos recentemente ascendidos, o AE Lles Corts UBAE.

Comentarios