Furor de fútbol amigábel co Teresa Herrera e o Celta-Wolfsburgo como grandes protagonistas

Tamén se disputarán o Rácing-Real Madrid B, Lugo-Compostela e Celta B-Arenteiro 
Bebeto e Mauro Silva, dúas lendas branquiazuis, recibirán unha homenaxe durante o Teresa Herrera. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Bebeto e Mauro Silva, dúas lendas branquiazuis, recibirán unha homenaxe durante o Teresa Herrera. (Foto: RC Deportivo).

A pre tempada dos equipos galegos nas tres principais categorías do fútbol estatal mete a quinta marcha no día de hoxe, no que se disputarán numerosos compromisos amigábeis.

Por nivel, o máis interesante é o Celta-Wolfsburgo, aínda que por historia e tradición -que non afouteza- é imposíbel ignorar a relevancia do Teresa Herrera.

No decano dos torneos de verán o Deportivo masculino xogará ás 19.30 da tarde contra un Bragantino que se presentará na cidade herculina sen as súas principais estrelas, xa que está inmerso en pleno Brasileirão. 

Porén, nesta ocasión o elemento estritamente competitivo pasa a un segundo plano ante o factor nostalxia, xa que intres antes do encontro recibirán unha homenaxe dúas das maiores lendas do Dépor, Bebeto e Mauro Silva. Ademais, Álex Bergantiños, novo integrante do flamante Consello de Administración, saltará por derradeira vez ao céspede de Riazor portando a camiseta branquiazul e, despois, colgará as botas para sempre.

Dúas horas e media antes, ás 17, as mulleres do feminino buscarán ante o Alavés Gloriosas a súa cuarta Torre de Hércules na XI edición do Trofeo. Sen Ainhoa Marín, recuperándose dunha recente intervención no xeonllo, a adestradora Irene Paredes  aproveitará o encontro para coñecer de primeira man un conxunto que vén de descender da Liga F e que será un dos rivais máis a ter en conta de cara a lograr o obxectivo de regresar á elite.

Paralelamente, pero a case 2.500 quilómetros da Galiza, o Celta afrontará ás 17 horas da tarde o seu penúltimo compromiso de pre tempada ante o oitavo clasificado da última liga xermana, o Wolfsburgo. No choque, que se poderá seguir a través da canle oficial de Youtube do conxunto celeste e da TVG2, Rafa Benítez podería dar pistas para intuír os nomes polos que apostará para saír de inicio no primeiro compromiso ligueiro da tempada, contra o Osasuna o domingo 13 de agosto.

O filial do Real Madrid, un rival 'maior' para o Rácing

Na Segunda División, á que acaba de regresar o Rácing de Ferrol despois de 15 anos de ausencia, os primeiros partidos tamén se disputarán a próxima fin de semana. Aínda que, a diferenza do Celta, que ten programado un amigábel máis, o Rácing de Ferrol conclúe hoxe (Viveiro, 19 horas) a súa pretempada.

Será nun duelo ante un renovado Real Madrid B, un eterno aspirante a subir á categoría de prata, que porá a proba o estado de forma dos homes dirixidos por Cristobal Parralo. 

A ese mesmo obxectivo que os brancos optan un Lugo que colisionará contra o Compos á 18 horas en Foz e un Celta B que fará o propio co Arenteiro en Barreiro

Comentarios