A decadencia imparábel dos torneos de verán galegos

Teresa Herrera, Emma Cuervo, Concepción Arenal, Luís Otero... os históricos trofeos estivais esmorecen na Galiza.
As bancadas do Municipal do Riazor non chegaron a congregar nin 5.000 persoas co gallo da última edición do Teresa Herrera (Foto: RC Deportivo).
photo_camera As bancadas do Municipal do Riazor non chegaron a congregar nin 5.000 persoas co gallo da última edición do Teresa Herrera. (Foto: RC Deportivo)

Nunha época que xa pasou, nun fútbol que xa non existe, numerosas localidades galegas viron o potencial deportivo, turístico e económico que podería supor para as súas cidades apostar polo deporte rei a pesar de non contar con equipos nas principais categorías do fútbol estatal.

Isto levou á creación do Trofeo Teresa Herrera da Coruña (1946), o Emma Cuervo de Ribadeo (1952), o Concepción Arenal de Ferrol (1954) e o Luís Otero de Pontevedra (1959), catro dos coñecidos como "trofeos de verán" máis antigos do conxunto do Estado.

Non obstante, lonxe quedan os tempos nos que por estas localidades galegas desfilaban equipos de primeiro nivel como o Santos de Pelé, o Ajax de Amsterdam de Kluivert e os De Boer ou o Estudiantes campeón arxentino de 1967. 

Neste 2022 o trofeo decano, o Teresa Herrera, viviu unha das edicións máis tristes da súa longa historia, congregando menos de 5.000 persoas para ver o Dépor derrotar o descoñecido e polémico Metalist ucraíno. Aínda así, son case sete veces máis (700) que as que se reuniron en Pasarón para ver o Pontevedra superar o Lugo co Luís Otero en xogo.

Quedan por disputar o Emma Cuervo e o Concepción Arenal, programados esta fin de semana. A proba ribadense viviu onte, a falta de só catro días para que Deportivo e Unionistas de Salamanca competiran polo trofeo, unha cancelación de última hora, pois a escuadra castelá renunciou por un problema de calendario, xa que coincide coa final da Copa Federación, que a levará a colisionar coa veciña Cultural Leonesa. No seu lugar, o Dépor decidiu fechar a pre tempada cun encontro amigábel contra o Bergantiños (domingo, 21 de agosto, no Campo de Ponte dos Brozos, en Arteixo).

No estremo contrario, o Concepción Arenal regresará -se nada o impide- para a que será a súa 59 edición logo de parar a causa da pandemia da Covid-19, que enfrontará ás 19.30 horas do sábado 20 o Rácing de Ferrol contra outro equipo afastado da elite futbolística, a Sociedade Deportiva Compostela.

Comentarios