Fútbol

O Celta de Benítez estréase en Balaídos con deberes aínda pendentes no mercado

O Olympique de Lyon, un rival de moito nivel no Memorial Quinocho.
Hugo Sotelo e Fran Beltrán cortando o paso a Cristiano Ronaldo no partido ante o Al Nassr. (Foto: Joaquín Corchero / AFP7 via Europa Press)
photo_camera Hugo Sotelo e Fran Beltrán cortando o paso a Cristiano Ronaldo no partido ante o Al Nassr. (Foto: Joaquín Corchero / AFP7 via Europa Press)

Test de nivel para o Celta de Rafa Benítez en Balaídos. A vixésimo sétima edición do Memorial Quinocho, que desde 1995 —agás nos dous anos de pandemia— rende homenaxe a unha lenda do clube asasinada en 1988, servirá para que os novos rostros se presenten ante a afección e mostren as súas virtudes fronte a un histórico da liga francesa, o Olympique de Lyon.

Un equipo que, precisamente, pretende reforzarse este curso co centrocampista peruano Renato Tapia, nunha operación próxima aos 5 millóns de euros moi avanzada, segundo a prensa francesa, mais que botou o freo por mor dos problemas de fair play financeiro dos galos. Tamén podería pór rumbo a Francia Rubén Blanco, a piques de retornar a Marsella a cambio de 2 millóns, o que obrigaría a fichar outro porteiro, pois con Agustín Marchesín mancado no primeiro equipo só queda Iván Villar.

O partido deste sábado (20 horas), que retransmite a TVG, ofrecerá previsibelmente o debut das dúas fichaxes pendentes aínda de se estrearen coa celeste, o lateral esquerdo Manu Sánchez e o centrocampista Carlos DotorJonathan Bamba, a outra novidade do mercado, debutou en Portugal—. Tamén volve estar dispoñíbel Gabri Veiga, que perdeu a concentración no Algarve, igual que Sánchez, pola súa participación no Europeo sub-21, no que lograron a prata.

A falta dun mes para o feche do mercado, ningún equipo abonou a cláusula de 40 millóns que ata a xoia da canteira a Vigo, se ben, tal e como reiteran desde o clube, é unha posibilidade que non pode desbotarse dado o seu bo 'cartel' en Europa.

Após unha contundente vitoria ante o Al Nassr (5-0) e unha derrota nos últimos minutos fronte ao Benfica (0-2), o Celta quere reafirmar as boas sensacións dos anteriores encontros. E, sobre todo, buscarán brillar os xogadores que aínda non resolveron o seu futuro e pretenden convencer Benítez de que merecen un oco no equipo. Son os casos do centrocampista Miguel Baeza, o central José Fontán e o lateral Sergio Carreira, que poderían ser cedidos por segundo ano consecutivo. Non se descarta tampouco a saída de Gonçalo Paciência, que abriría as portas a un novo dianteiro que garanta o gol que faltou o pasado ano.

Quen si tería garantida a continuidade é Carlos Domínguez, como terceiro central —á espera de posíbeis reforzos—, mentres Williot Swedberg, outra incógnita, parece convencer na pretempada. E desde a canteira piden paso con forza Miguel Rodríguez -baixa hoxe por lesión, igual que Paciência- e Hugo Sotelo, chamados a ter protagonismo. O Wolfsburgo, o 5 de agosto, e o Compostela, o día 8, porán o ramo á pretempada.

Comentarios