martes 22/06/21

Federacións e clubs lanzan un SOS pola súa situación na actual pandemia

A pandemia afecta tamén ao deporte galego. Federacións e clubs ven como a Covid-19 frea competicións e impide a presenza de público, unha das súas fontes de financiamento. A Unión de Federacións Deportivas galegas (Ufedega) demanda con un urxencia un plan de rescate que teña en conta este sector.  
A xogadora Carme Castro, do Club Balonmán Porriño, nun encontro sen público (Federación Galega de Balonmán)
A xogadora Carme Castro, do Club Balonmán Porriño, nun encontro sen público (Foto: Federación Galega de Balonmán)

Un ano de pandemia está a levar o deporte federado galego a unha situación que xa cualifican de crítica. Por este motivo representantes da Unión de Federacións Deportivas galegas (Ufedega) presentaron na Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta da Galiza unha serie de medidas urxentes para saír ao rescate do conxunto de clubs e entidades aos que a Covid-19 mudou económica e socialmente a vida desde o ano pasado.

A través dun documento denominado "Aportacións para axudar a mellorar as circunstancias das federacións e entidades deportivas galegas", a Ufdega procura que o sector supere canto antes a parálise provocada polas restricións adoptadas no último mes e medio para conter a expansión do virus e dobregar a curva de contaxios.

Bruno López, vicepresidente da Ufedega e presidente da Federación galega de Balonmán, explica a Nós Diario que urxen novas medidas tendo en conta que "a Xunta deu as mesmas cantidades na renovación dos convenios deste ano", mais as condicións son ben diferentes con moitos custos e a imposibilidade de financiamento. "Non hai público nos pavillóns polas restricións e tiveron a actividade parada todo este tempo polo que non hai billeteiras", asegura López, "ademais deses ingresos menores hai que sumar os que se reduciron pola baixa de socias e socios", engade. 

Créditos e exencións de taxas nas instalacións

No plan de rescate que presenta o sector deportivo galego a través da Ufdega, demándase a creación dun fondo de reserva para as federacións e tamén para as entidades sen ánimo de lucro. Alén diso, solicitan axudas en forma de bolsas individuais para persoas en situación socioeconómica desfavorábel, "para que poidan practicar deporte e que se subvencione o custo das actividades que pretendan facer", indica López.

Ademais, piden acondicionar liñas de créditos sen intereses a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), aplicar beneficios fiscais sobre todo enfocado aos clubs, a exención de taxas pola utilización de instalacións deportivas posto que a maior parte dos clubs teñen que pagar pavillóns e ximnasios.

"As federacións máis afectadas nestes momentos son as que dependen de instalacións privadas", asegura o vicepresidente de Ufedega que pon como exemplos as que realizan deportes de artes marciais que contan con ximnasios e que agora están nunha situación moi mala. As máis prexudicadas serían o boxeo, o taekwondo e o judo que dependen moito dos colexios e de entidades privadas. 

Situación laboral do persoal das entidades

"Queremos o apoio a un convenio laboral específico do deporte porque agora mesmo se temos que contratar un director deportivo temos que poñer que é un administrativo aínda que ten unhas peculiaridades diferentes, como por exemplo traballar en fins de semana", relata López. Neste tema acredita na idea de que nun futuro se teña que craer figuras laborais específicas polos horarios que realizan, con traballo todas as fins de semana. Recoñece que no sector deportivo "por desgraza non hai moitas persoas que non están en situación regular, por dicilo dalgunha maneira". 

Colaboración con Turismo e Educación

Desde Ufedega demandan máis colaboración coas institucións e cren que sería unha boa idea aproveitar as diferentes sinerxías que se poden dar coa Consellaría de Igualdade ou a de Educación. "Pedimos reunións con ambas por crer que poderiamos chegar a acordos en temas comúns". No caso de Educación propoñen aproveitar que nas aulas dos centros hai grupos "burbulla" que estarían en condicións de practicar algunha disciplina deportiva sen risco de contaxio. Ademais, solicitan unha unha campaña nos medios de comunicación para concienciar á xente do deporte na nosa sociedade.

"Ao final somos algo máis de 2% do produto interior bruto (PIB) do país", sentenza. Para visibilizar a súa actual situación, as federacións deportivas queren que se faga público "con urxencia" o estudo de impacto da Covid-19 no deporte galego, "no que colaboramos no seu momento todas as federacións coa intención que se vexa a nosa realidade", afirma López. 

Por último, e como medida sanitaria preventiva que daría máis seguridade aos clubs galegos, as federacións deportivas consideran que aos cribados aleatorios actuais de deportistas que participan nas competicións estatais deberían engadírselles os que interveñan nas competicións galegas que na actualidade son moi inferiores.

Deporte galego e dixitalización

Entre as peticións que teñen as federacións deportivas galegas, tamén os clubs do país, está a modernización e posta ao día dos sistemas informaticos e outras ferramentas a través da dixitalización. "Moitas das mudanzas destes días de pandemia viñeron para quedarse", asegura Bruno López. Unha delas é a tecnificación do traballo diario que moitas entidades na Galiza aínda non implementaron.

Desde Ufedega demandan máis coordinación e colaboración en partillar sistemas que todos utilizan. López pon como exemplo un programa informático de control de ocupación de recintos que teñen na Federación Galega de Balonmán "que podería valer para outras moitas federacións" polo que o seu uso compartido podería abaratar custos. "Sería unha oportunidade que debemos aproveitar agora", sentenza López.

comentarios