A máscara imposibilita algúns deportes

A práctica dalgúns deportes complícase. A orde de Sanidade que obriga a usar máscaras nas disciplinas de contacto está a crear verdadeiros problemas nos clubes. Desde as federacións tentan buscar solucións con pouca marxe e entre unha nube de protocolos segundo sexa a competición galega ou estatal.
Encontro de rugby feminino (Nós Diario)
photo_camera Encontro de rugby feminino (Nós Diario)

A orde do 17 de setembro da Consellería de Sanidade, na cal se abriu a posibilidade da práctica deportiva con contacto pero coa obriga de usar máscara nos adestramentos e na competición está a causar malestar nalgúns deportes dos denominados "de contacto". A Federación Galega de Fútbol anunciou que busca alternativas de protección e o resto de federacións estudan facer o mesmo.

Desde o baloncesto galego aseguran que teñen pendente unha xuntanza para decidir a súa posición. Francisco Martín, presidente da Federación Galega de Baloncesto, explica a Nós Diario que os sete deportes de contacto van da man neste tema. Aínda así "as circunstancias son distintas en deportes como o fútbol que se xoga no exterior, mesmo baixo chuvia" que en deportes como "baloncesto, balonmán ou voleibol". Asegura que só hai tres saídas a este problema: empregar a máscara, acollerse aos test ou pospoñer as competicións e adestramentos.

"Os nosos clubes non teñen orzamento para facer probas PCR semanais, é imposíbel", asegura Martín, "e suspender a competición significaría sumar aos seis meses que levamos sen xogar outro ano máis". Desde esta federación xa estudaron o custo de máscaras especiais que se empregan en competición e consideran "razoábel" a súa utilización.

Adaptar a lóxica interna do rugby

"A utilización de máscara no rugby tradicional é imposíbel", explica a Nós Diario Jos Portos, director técnico da Federación Galega de Rugby, "a única maneira sería adaptar o xogo, modificar a súa lóxica interna". Sinala que o contacto físico que hai neste deporte "racharía as máscaras" ao que lle engadiría "xogar en campos de herba ou enlamados polo choiva".

Portos debuxa unha situación de "caos" na que segundo sexa unha competición estatal ou non as normas sanitarias son diferentes. "Estamos a dar paus de cego con 17 protocolos e interpretacións distintas segundo xoguemos nun lugar ou noutro", explica, "cantos máis protocolos hai máis confusión haberá".

A responsabilidade para os clubes

Os clubes serán os que teñan que aplicar, na base, o novo protocolo. Diana Atanes, presidenta do Clube Hockey Cidade de Ourense, asegura a Nós Diario que aínda non comezaron cos adestramentos mais considera que o seu "é un deporte que ten moito movemento e vémolo difícil xogar con máscara".

Na mesma cidade atopamos o clube Hockey Barrocás que xa comezou a competir a nivel estatal. Jaime Amorín, o seu presidente, admite que "hai unha descoordinación total nas Administracións, os dirixentes políticos descoñecen cal é a realidade social e se seguen así acabarán co deporte base que desaparecerá". Explica que co protocolo da federación española poden "adestrar e xogar sen máscara" e co que se aprobou agora na Galiza deberían poñela. No seu clube adaptáronse con grupos pequenos de dez de rapazas e rapaces. Entende que "xogan a lavase as mans e se pasa algo a responsabilidade é do delegado que ten cada club, e iso non é de recibo".

Un protocolo específico para o fútbol e o resto de federacións a agardar

A Federación Galego de Fútbol foi a primeira en reaccionar á orde e o seu presidente, Rafael Louzán, anunciou presentará en breve ese protocolo actualizado que debe ser aprobado e autorizado pola propia Secretaría Xeral para o Deporte e a Consellaría de Sanidade. Unha das propostas era facer probas PCR semanais, unha alternativa que para o resto de deportes sería inviábel polo custo económico que supón ao redor de 100 euros por deportista.

Fontes dalgunhas federacións indican a Nós Diario que tampouco elas poden axudar aos clubes por ter menos federadas e federados e non contar con orzamento abondo. No deporte base xa temen que esta medida cause baixas entre as rapazas e rapaces, unha circunstancia que podería provocar a desaparición dalgúns clubes.

Comentarios