xoves 29/10/20

Máscara para o deporte federado

A evolución dos datos da pandemia e a súa incidencia na práctica deportiva leva meses preocupando ás federacións galegas. Agora a Secretaría Xeral para o Deporte vén de modificar en parte o protocolo Fisicovid aprobado en xuño coincidindo co inicio do curso escolar para tranquiliza clubes e entidades educativas.
Curso de titulación de judo 2020 realizado pola Federación galega deste deporte no que xa empregaban máscaras (Federación Galega de Judo)
Curso de titulación de judo 2020 realizado pola Federación galega deste deporte no que xa empregaban máscaras (Federación Galega de Judo)

As federacións deportivas galegas terán que actualizar os seus protocolos de actuación coa nova orde que recolle o Diario Oficial da Galiza (DOG) da pasada sexta feira 18 de setembro. A normativa actualiza as directrices ditadas polo Consello da Xunta do 12 de xuño e publicadas no DOG o día 13, coa chegada da coñecida como 'nova normalidade'.

A partir de agora, na realización de adestramentos e na celebración de competicións dentro da actividade deportiva federada de competencia autonómica, aplicarase, respecto do uso da máscara, o recollido especificamente no protocolo das federacións deportivas, aprobado pola Secretaría  Xeral para o Deporte. O uso da máscara é unha das mudanzas máis salientábeis nesta nova norma.

O seu texto explica que "cando a actividade deportiva supoña contacto físico entre as persoas que a practican, deberá utilizarse a máscara". Estabelece, iso si, a excepción de que no mesmo protocolo, que ten que aprobar a secretaría  xeral,  se inclúan "medidas alternativas de protección específicas". Ademais, a nova norma mantén que, "sempre que sexa posíbel, durante a práctica da actividade deportiva deberase manter a distancia de seguridade interpersoal".

No anterior decreto aprobado en xuño, a actividade federada de competencia autonómica podíase realizar de forma individual ou colectiva, sen contacto físico e até un máximo de 25 persoas simultaneamente no caso de adestramentos. 

Traballo desde as federacións galegas

Desde a Secretaría Xeral para o Deporte, Javier Rico Díaz explica a Nós Diario que desde as federacións "levan meses traballando para que o entorno deportivo sexa o máis seguro posíbel".

Por este motivo afirma que "todas as federacións teñen protocolos estandarizados que se desenvolveron a través de grupos de traballo" para adaptar as medidas a cada deporte. Asegura que a norma que agora se publica foi consensuada "vendo co inicio do curso como funcionaban os protocolos" e tras decatarse de que "había que dar un paso máis". Indica que falaron coas federacións para explicarlles estas medidas posto que elas eran "as que tiñan contacto na súa práctica diaria". A partir de agora irán "observando como evoluciona a pandemia sempre da man de Sanidade".

En todo caso, está convencido de que "as federacións están a traballar de maneira intensa para controlar as actividades dos clubes e que haxa comunicación sobre situacións que se poidan dar". 

Protocolos propios para cada federación

As 58 federacións deportivas galegas desenvolveron protocolos propios para cada unha delas co fin de adoptar as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da enfermidade Covid-19, así como a propia exposición a estes riscos para que a práctica do deporte segundo o estabelecido sexa segura. 

A nova norma indica que a práctica de actividade federada poderase realizar agora, de forma individual ou colectiva, de conformidade cos protocolos dos que deben dispoñer as federacións deportivas galegas, os cales deberán ser aprobados pola Secretaría  Xeral para o Deporte.

Nestes protocolos estabeleceranse as condicións para a realización de adestramentos e competicións, deberán identificarse as situacións potenciais de contaxio, atendendo as vías recoñecidas polas autoridades sanitarias galegas, e estabeleceranse as medidas de tratamento de risco de contaxio da Covid-19 adaptadas a cada un dos casos.

Seguridade nas actividades extraescolares 

Algunhas federacións amosaron a súa preocupación ao inicio do curso académico ao ver que se atrasaba o inicio das actividades extraescolares. A desconfianza e a falta de información fixeron que algunhas asociacións de nais e pais (ANPA) non renovaran aínda algúns cursos doutros anos.

Unha importante fonte de ingresos chégalles por esta vía e a incerteza da seguridade sanitaria no resto de actividades arrastrou tamén o deporte. Desde a Secretaría Xeral sinalan que están en contacto coa Consellaría de Educación, igual que coa de Sanidade. "Con este novo paso tentaremos volver á normalidade, nas escolas a xente tamén está pendente de ver como arranca o curso", explica Rico Díaz.

En todo caso desde a Secretaría Xeral tranquilizan as familias asegurando que "o deporte é un espazo seguro" xa que "hai monitoras ou monitores que controlan as rapazas e oos rapaces, e ten medidas de seguridade que non teñen se van por libre nos parques, por exemplo", conclúe.

comentarios