Xesús Ferreiro, piloto de rallyes: "Os medios de comunicación están a prexudicar os rallyes"

A nostalxia, e máis no mundo convulso no que vivimos, está máis de moda uqe nunca. No planeta cóntanse por millóns as persoas que pensan que o cine, a música ou os videoxogos da súa época eran mellores que as da actual. No caso do piloto Xesús Ferreiro (Melide, 1968) esa morriña maniféstase nos vehículos de competición.
O soño non realizado de Xesús Ferreiro é completar un Europeo. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O soño non realizado de Xesús Ferreiro é completar un Europeo. (Foto: Nós Diario).

Está vostede especializado nos rallyes de vehículos históricos. Por que correr neles e non nos coches contemporáneos?

Cando empecei a ir ver os rallyes eran os coches que había, eran os anos 80, e quedáronme eses recordos desas primeiras veces, cólleslle cariño. Tamén me gustan moito os coches de propulsión traseira, e nos históricos abondan máis que hoxe en día. Foi máis que nada por iso, polo tipo de condución e por morriña deses coches que vin cando era neno. 

Unha das características dos rallyes históricos é a espectacularidade, en parte dada por esa tracción traseira que destacaba e que emprega o seu Ford Escort RS 2000 MKII. Por que escolleu ese modelo de coche?

Aquí non era moi coñecido, pero era un dos vehículos de rallyes por excelencia. O Ford Escort foi un dos mellores dos 70, chegando a ser campión do mundo nas mans de Ari Vatanen no en 1981. E existe tamén outra razón, pois en Inglaterra e Irlanda se refixo este coche, e calquera peza que precise podo conseguila nova. Iso no mundo dos clásicos é moi importante, porque sabes que vas ter todo o material que che faga falta, cousa que non pasa con todos os coches. De feito, estou por dicir que o meu Escort é mellor en calidades que o de Vatanen cando gañou o Campionato do Mundo.

Mais, nostalxia a un lado, cando se deu conta de que lle gustaba o mundo do motor e de que quería ser piloto?

Nacín con esa paixón. A min o motor, todo o que tivese rodas, encantoume desde neno. Con sete ou oito anos xa construía os meus cochiños con pezas que me regalaban nos talleres, había aí unha clara sensibilidade cara todo iso. E xa máis maior, tan pronto como tiven posibilidade, saía cos amigos sen carné a facer caralladas, a cousa daquela non era como hoxe.  

Fixo carreira gañando títulos tanto na Galiza como a nivel Estatal, pero o seu soño está en Europa, como o ve?

Bastante negro (ri).  É moi complicado, intenteino varios anos e nada. Hai que dispoñer dun bo orzamento para poder ir practicamente a todas as carreiras.

O problema son os cartos...

Si. Amólame moito porque agora mesmo, por piloto e vehículo, sei que habería opcións de loitar polo título. Sei que sería factible, pero por non chegar a xuntar o orzamento necesario non se pode facer. E estes anos van pasar, porque non perdoan, e posibelmente se algún día consigo os cartos pode que xa non estea na primeira liña, pero así é a vida

Un recente estudo indicaba que os patrocinios deportivos baixaron en máis de 50% desde a irrupción da pandemia...

A Covid tamén afectou. E institucións que antes daban cartos por un proxecto internacional, cousas que tiñan cabida, nas que había opcións de que che concedesen algo, agora mesmo non. Ademais, o motor tampouco é unha cousa que tire moito a nivel institucións, tivo mellores épocas, agora non está nelas.

Semella que o motor e os rallyes están como pasados de moda, por dicilo dalgún modo. É unha percepción errónea miña?

Si, duns anos aquí, tamén polos medios de comunicación, que non se involucran o que se merece o deporte. Sen ir máis lonxe, faime graza mirar a TVG e ver partidos de fútbol enteiros de Terceira Rexional que no campo están de público só os pais e as familias dos xogadores mentres que a rallyes que moven 15.000 persoas lle dedican tres minutos e, se falan máis, é porque pasou unha desgraza. E ese feito de non darlle ao motor a repercusión que merece inflúe despois nos patrocinios.

Comentarios