A esgrima, un dos deportes "minoritarios" que máis está a medrar na Galiza

Araceli Bugallo e Nena Cano participaron no mundial de esgrima veterano en Croacia esta pasada fin de semana. Este deporte aumentou en licenzas nos últimos anos e os clubs realizan promocionan a súa práctica nas escolas.
Araceli Bugallo, primeira pola esquerda, e Nena Cano, segunda pola dereita, en Croacia (Foto: Nós Diario).
photo_camera Araceli Bugallo, primeira pola esquerda, e Nena Cano, segunda pola dereita, en Croacia (Foto: Nós Diario).

O mundial de veteranas e veteranos de esgrima concentrou en Zadar (Croacia) entre o 5 e o 12 de outubro a experiencia internacional neste deporte. Entre as deportistas participantes, seleccionadas pola Real Federación Española de Esgrima e a Asociación de Veteranas e Veteranos de Esgrima, figuraban Nena Cano, do Cidade de Vigo, que rematou no posto 12 da clasificación, e a cambadesa Araceli Bugallo, do Compostela Esgrima, que quedou no lugar 46. 

Os resultados non foron os agardados, nunha disciplina que exixe adestramento físico e mental para non cometer erros. “Hai que ser máis forte de cabeza que de corpo e no meu caso non fixen a esgrima que acostumo facer”, afirma a tiradora e adestradora Araceli Bugallo a Nós Diario. Actual campioa galega, dobre campioa de España de Esgrima de Segunda Categoría e outras dúas veces na categoría de Veterana, pertence ao Compostela Esgrima e adestra no Vilagarcía Esgrima.

Leva 31 anos dedicada á esgrima e agora asegura que procura “ter boas sensacións” en cada competición. Aínda lembra como sendo profesora de Educación Física, chegou a coñecela en 1991, en Ferrol, para logo desenvolvela en Compostela e Vilagarcía de Arousa. Recoñece que os tempos mudaron e agora é moito máis doado achegarse á esgrima “con moitos clubs galegos e máis de 800 licenzas concedidas na Galiza”. 

Fomento da esgrima de base na Galiza

Segundo consta na Federación Galega de Esgrima, até 18 entidades fomentan esta disciplina no país e o seu punto forte son as actividades escolares. “É algo que se traballa moi ben, como cando se aproveitan as festas do deporte e hai exhibicións”, sinala. Teñen que loitar contra a “moita oferta deportiva” que teñen as rapazas e os rapaces e a competencia dos que son máis “visuais” e “coñecidos” como o fútbol ou o baloncesto. 

Alén diso, quen se anime ten que “ter unha inquedanza por un deporte individual e non por un de equipo”. Malia todo, aínda contan co factor positivo “do cine e o atractivo que ten xogar con espadas”. Como curiosidade, Bugallo relata que ten visto moita xente adulta, nais e pais, que rematan tamén neste deporte “despois de días acompañando as súas fillas ou os seus fillos aos adestramentos”. 

Outro punto fundamental é ver os éxitos próximos que hai neste deporte. É o caso do coruñés San Kim, que comezou con sete anos e este 2022, con 14, levou o ouro na categoría infantil e o bronce en cadete no pasado Campionato do Mediterráneo que tivo lugar en Xordania no mes de maio. 

“Se fas un bo posto sempre é un reclamo, e xa se deron casos en que após un éxito aumentan moito as licenzas na esgrima”, asegura esta deportista. Como en toda disciplina, o adestramento na esgrima tamén é fundamental. Bugallo pon como exemplo o nivel que hai neste deporte en Italia “onde practican moito atletismo e logo transfiren ese estado de forma á esgrima”.

Porén, tamén é importante “o estado mental que moitas veces ten máis peso que o estado físico”. Mais o que está por riba de todo, para esta tiradora, é a base de todo deporte, que "o primordial é pasalo ben".

Comentarios