A esgrima adaptada galega despunta

Os resultados nos campionatos de España de esgrima adaptada en Valladolid e Burgos mostraron o bo momento que ten este deporte na Galiza. O tirador Iago Fernández e a tiradora Judith Rodríguez contan as súas intervencións por medallas e aínda teñen moito que dicir de cara ás citas internacionais.
O podio por equipos en Burgos foi para a Galiza co Breogán formado por 
 Fernández, Garrido e Rodríguez. (Foto: FEDDF)
photo_camera O podio por equipos en Burgos foi para a Galiza co Breogán formado por Fernández, Garrido e Rodríguez. (Foto: FEDDF)

Os pasados Xogos Paralímpicos evidenciaron un cambio de tendencia en favor de dar máis visibilidade ao deporte adaptado a nivel internacional. Tamén deu a coñecer outras disciplinas nas que a Galiza vai camiño de ser punteira e que non son tan coñecidas. É o caso da esgrima en cadeira de rodas que comezou tempada reunindo en Burgos o mellor deste deporte no ámbito estatal na realización Campionato de España.

O evento, organizado na Sala de Armas de Esgrima Cid Campeador de Burgos este domingo, mantivo todo o protagonismo centrado na participación galega da man de Iago Fernández (Club Esgrima A Coruña) e Judith Rodríguez (Club A Oliveira de Vigo). 

Mantendo o nivel en todo o campionato

A progresión no país neste deporte vén de atrás. Na primeira proba do Campionato de España disputado en Ciudad Real o ano pasado venceran Alex Prior (sabre e espada), Judith Rodríguez (florete) e por equipos Breogán con Iago Fernández (Club Esgrima Coruña), Judith Rodríguez (Club A Oliveira de Vigo) e Begoña Garrido (Club Esgrima Cid  Campeador).

Nesta seguinte, en Burgos, Iago Fernández proclamouse gañador individual da proba en espada e florete, mentres que en sabre o triunfo foi para Alex Prior. O tirador galego, en espada, demostrou o seu dominio desta arma até chegar ás semifinais, nas que non deu ningunha opción á tamén galega Judith Rodríguez, e tampouco na final a Alex Prior (15-10).

En florete tamén se impuxo Iago Fernández, aínda que con menos rotundidade. Perdeu na poule con Alex Prior, quedou segundo do Grupo B e enfrontouse en cuartos a  Ayem Oskoz, ao que derrotou por un marcador axustado. En semifinais volveu atoparse con Prior, ao que gañou antes de medirse na final a Judith Rodríguez.

En sabre a vitoria levouna o donostiarra Alex Prior, vixente campión estatal. Comezou a xornada cun pleno de vitorias até chegar ás semifinais, rolda na que se desfixo de Iago Fernández (15-4), e á final, na que se impuxo a Antonio Garrido (15-5). Na proba de espada por equipos conseguiu o ouro o Breogan. A prata foi para o CD Fortuna de Donosti, mentres que o bronce adxudicoullo o equipo de Ciudad Real.

O propio coordinador estatal de esgrima en cadeira de rodas, Carlos Soler, admitía ao remate do campionato que "o alto nivel das tiradoras e dos tiradores fixo que fose unha competición moi intensa. Ningún quería deixar pasar a oportunidade de subir na clasificación, polo que os asaltos foron moi axustados". 

Para rematar a boa actuación galega neste campionato, o medalleiro por equipos deixou en primeiro lugar ao Breogan (Iago Fernández, Judith Rodríguez e Begoña Garrido), despois de derrotar ao CD Fortuna (Álex Prior, Manu Quesada e Ayem  Oskoz) na final cun contundente marcador de 45-20. O bronce foi para o Club Esgrima Ciudad Real (Antonio Garrido, Gustavo Molina, Miguel Ángel  Sabalaga e Sainz-Trápaga). 

Iago Fernández e Judith Rodríguez

Os nomes do esgrima galego adaptado son, agora mesmo Iago Fernández e Judith Rodríguez. O primeiro, de 22 anos, comezou aos 12 entre os mellores cando sufriu un cancro óseo polo que non pode dobrar unha perna. Seguiu coa esgrima en cadeira de rodas e a súa carreira deportiva segue en ascenso. Un caso semellante é o de Judith que, após un grave accidente en 2018 cando viña en coche dun campionato, non quixo abandonar e loitou por seguir adiante recuperándose e gañando medallas. 

A participación de Judith Rodríguez no campionato de España en Burgos foi algo máis dura do normal por vir de pasar a Covid e non poder estar ao 100%. Ao remate da proba, a tiradora do Club A Oliveira de Vigo recoñecía que houbo “moito nivel” e amosábase “satisfeita co resultado” tendo en conta as súas circunstancias. Para ela o máis importante agora é “voltar aos adestramentos” e continuar co traballo para estar preparada para a primeira cita internacional puntuábel

Con estes resultados esta tempada preséntase con boas espectativas para o esgrima adaptado galego e para os clubs que están apostando forte por esta versión deportiva en Vigo e na Coruña.

Comentarios