Judith Rodríguez, tiradora: "Estou asumindo todos os gastos das viaxes e os materiais"

A cidade de São Paulo xa forma parte da historia da esgrima non só galega, senón do conxunto do Estado, pois a viguesa Judith Rodríguez (1995) tornou na primeira en 30 anos en conseguir unha medalla de ouro nunha Copa do Mundo, fazaña que para ela supón o aperitivo do prato forte: os Xogos de París 2024. 
A galega xa sabe o que é catar un ouro internacional, sabor que de seguro volverá probar no futuro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A galega xa sabe o que é catar un ouro internacional, sabor que de seguro volverá probar no futuro. (Foto: Nós Diario)

A Copa do Mundo de São Paulo foi a súa primeira experiencia a nivel internacional. Cando adestraba, agardaba un resultado tan bo ou colleuna de sorpresa?

A verdade é que si foi unha sorpresa, tanto para min como para o meu mestre, porque un pouco antes de viaxar falaramos de que a idea era ir a aprender, ver como se movían as rivais, que técnicas usaban na cadeira… buscando o mellor resultado posíbel, pero pensando na aprendizaxe. Ningunha das dúas imaxinabamos que podería chegar ao máis o alto do podio, ademais porque eu o que máis adestro é o florete, e a medalla chegou en espada, aínda que no florete tamén acadei un bo resultado, un quinto posto.

Efectivamente, que sumado ao de sable representan dúas quintas posicións e un ouro en todo un Mundial, o que demostra a súa gran polivalencia. Pensa seguir nesa liña ou vai cara unha especialización nunha disciplina?

Estiven falando co mestre e temos a mesma opinión: imos seguir na mesma liña de traballo, porque parece que vai ben. Por orde, a min gústame máis a competición de florete, de segundo estaría a espada e terceiro o sable. Eu sonche floretista de sempre, desde pequena.

A preparación desta competición foi moi dura, porque chegaba despois dunha cirurxía no brazo. Como foi o proceso de recuperación, física e psicoloxicamente?

Co ombreiro e a man ía a rehabilitación todos os días. Cando comezou a tempada non podía tirar e comecei tarde a adestrar como eu quería. Ademais, tiven que parar e seguir, e ás veces tiña que frear o ritmo. Por exemplo, cando xa estaba mellorando dun modo un pouco máis estábel, chegoume a Covid, que a tiven hai un par de meses, co cal outro parón que houbo que facer, porque quedei un pouco falta de aire... Afortunadamente a Copa de España, un torneo que tivo lugar só unha semana antes de ir ao Brasil, saíu moi ben, así que puiden descansar un par de días e o fisioterapeuta axudoume bastante. Aínda me doe un pouco o brazo, pero paga a pena, non me importa.

Tras tocar a gloria no Brasil, cales son os seus próximos obxectivos? Supoño que os Xogos Paralímpicos de París de 2024 están marcados no seu calendario...

Ese é o gran obxectivo. Desde pequena quixen ir aos Xogos Olímpicos, así que imos loitar por estar, claro. Será un camiño duro e longo, e un gran sacrificio económico, porque teño que ir a todas as probas da Copa do Mundo, pero é un soño que teño e quero facelo realidade.

Fala de esforzo económico, como está a facer actualmente cos gastos intrínsecos á súa actividade deportiva?

Polo de agora a viaxe a Brasil pagueina cos meus aforros. Si que teño apoio por parte do Concello, que nos mercou unha pista para o polideportivo, pero actualmente estamos na procura de patrocinadores ou dunha bolsa que me poida axudar, porque ao ser viaxes moi lonxe o prezo tamén sube moito. A Federación Española non axuda, así que a ver como vai o ano.

Por que ese falta da apoio da Federación Española?

É un tema que está no aire, así que non vou falar máis, pero o que si podo dicir é que estou asumindo eu todos os gastos, de viaxes e de material.

Antes do accidente xa practicaba a esgrima, un deporte que segue practicando agora, aínda que na súa modalidade en cadeira de rodas. Como lle explicaría a unha persoa profana na materia as diferenzas desde a súa perspectiva de deportista?

Hai unha evidente a simple vista: estar de pé ou estar sentada. Antes, os movementos que eu facía cos pés eran para afastarme da contraria ou achegarme, e agora teño que facelos co tronco. As primeiras veces que din clase movía a perna sentada na cadeira, e non se podía, non vale. En vez dese movemento úsase o tronco. A maior diferenza que atopei, e na que tiven que traballar moito, é que na cadeira estás moito máis preto da outra, e non che dá tempo de pensar o que queres facer, tes que estar moi atenta, porque non hai nin espazo nin tempo para rectificar. Eu creo que a maior diferenza é esa esixencia de rapidez mental, por estar tan preto do contrincante.

Semella moi complicado...

Distinto, porque tes que coordinar tronco, man e pé. Si me vou atrás teño que mover a punta do pé para un lado ou para outro, é unha cuestión de coordinación de todo o corpo mentres estás sentada. Pero tampouco che sabería dicir cal é a máis complicada, porque as dúas teñen esixencia física. E resalto isto porque din que en cadeira non é tan esixente, e eu pensaba o mesmo, pero non. Hai que tirar de  abdominais, lumbares e tronco, e cansa moito, alén de que debes ter o brazo en alto todo o tempo, cando na modalidade de pé non hai necesidade, porque hai paróns para volver á liña de garda. 

Cales son as principais potencias nacionais no seu deporte?

As rapazas de Italia son moi boas, como as húngaras. Hong Kong tamén destaca. Despois, hai algunhas mulleres moi boas en Polonia e Xeorxia. De florete, dominan moito italianas e húngaras, e na espada as coreanas teñen moito nivel. Como ves, está moi repartido, pero Italia sempre é potencia na esgrima.

Comentarios