O Burela levanta a Liga e asina un histórico pleno

Catro de catro títulos para as da Mariña en 2023.
As xogadoras laranxas aspiran a celebrar unha nova Supercopa. (Foto: CD Burela)
photo_camera As xogadoras laranxas festexaron o triunfo coas súas conquistas. (Foto: CD Burela)

O Pescados Rubén Burela confirmou o seu status de mellor equipo galego dos últimos anos conquistando o título ligueiro, co que completan un histórico pleno, pois lograron facerse cos catro campionatos (Liga, Copa da Raíña, Supercopa de España e Copa da Galiza) aos que aspiraron na presente tempada. Este é a quinta ocasión na que a formación da Mariña gaña a Primeira Federación de Fútbol Sala Feminina, todas elas no último decenio, das cales tres foron nos últimos catro anos, o que revela o enorme nivel que alcanzou o Pescados Rubén.

Esta nova fazaña chegou logo de imporse a Futsi Atlético Navalcarnero nun agónico segundo partido -na ida tamén gañaran as galegas- que se decidiu na quenda de penaltis despois de que o tempo regulamentario rematara cun empate a dous. O duelo entre os dous equipos máis galardoados da máxima categoría, que tivo lugar no Pavillón de Vista Alegre, comezou cunha presión moi intensa do conxunto local, empuxado unha e outra vez por unha afección entregada en apoiar ás súas.

Con todo, o visitante soubo aguantar a arremetida e non tardou en dar un paso á fronte, adiantándose no marcador grazas a un tanto materializado por Carina Solange, 'Becha', no minuto 4, que sumou o segundo á súa conta particular no 10.

Nese momento, coas súas compañeiras absolutamente KO, emerxeu a figura da porteira laranxa, Caridad García, que sostivo o Burela con intervencións de gran mérito até que xusto antes do descanso, no minuto 19, un disparo de Dany logo dunha boa combinación con Peque abría a porta á remontada no segundo tempo.

E iso que, a pesar de seguir contando coa vantaxe no electrónico, o Atlético Navalcarnero non se limitou a defenderse, insistindo en tratar de aproveitarse dos erros dun Pescados Rubén que non estivo tan sólido como en anteriores ocasións.

Non obstante, e como se adoita dicir, "o fútbol é así", e no 26, logo dun remate de Patricia despois dun pase de Emily que Balbuena non logrou deter, o Burela anotou o 2-2 co que se chegou ao final do partido.

E na lotería dos penaltis a sorte quixo que o título quedara na Galiza, pois a veteranísima Jozi Oliveira, que substituíu Caridad, detivo dous tiros do Futsi e o Burela acertou nos seus cinco lanzamentos, desatando así outra festa laranxa na Mariña.

Comentarios