O Wolverhampton, un equipo de Inglaterra que fala galego

De Vigo a Rio de Janeiro pasando por Braga, os Wolves de Wolverhampton son un equipo repleto de xogadores lusófonos.  Este combinado das 'West Midlands' inglesas compite na Premier League, a primeira división británica, desde o ano 2018 despois de conseguir un ansiado  ascenso desde a segunda división, a League One.
Os xogadores do Wolverhampton Wanderers celebran un gol durante un partido desta temporada ante o Everton (Foto: AFP7 / Europa Press).
photo_camera Os xogadores do Wolverhampton Wanderers celebran un gol durante un partido desta temporada ante o Everton (Foto: AFP7 / Europa Press).

"Estou só", "pasa a bola" ou "ben xogado" son frases que se poden escoitar en campos de fútbol de toda a Galiza durante os días de partido ou de adestramento. O que probabelmente moitas persoas galegas non esperen é que se poidan escoitar esas mesmas frases nun equipo da Premier League, unha competición que na actualidade é considerada como a mellor liga de fútbol de todo o mundo. 

Pois por estraño que pareza, así é. Trátase dos Wolverhampton Wanderers, máis coñecidos como os 'Wolves' (os lobos), un equipo histórico do oeste de Inglaterra fundado en 1877 que desde hai uns anos é casa de múltiples xogadores lusófonos. A maioría do cadro de xogadores é natural de Portugal, varios son brasileiros e, actualmente, o club conta con dous xogadores galegos: Jonny Otto e Hugo Bueno, ambos vigueses. 

Con todo, o club perdeu algúns xogadores lusos nos últimos tempos por causa de cesións e traspasos, mais en 2019, a temporada posterior a que o equipo ascendese á máxima división do fútbol británico, o Wolverhampton experimentou o seu maior crecemento en canto á adquisición de xogadores lusos. De feito, non só era o club máis portugués de Inglaterra, senón que case de todo Portugal. 

O papel de Jorge Mendes

Wolves.

Este elevado número de futbolistas lusos ten unha explicación e ten nome e apelido: Jorge Mendes, o representante de Cristiano Ronaldo. Este romance entre o oeste de Inglaterra e o oeste da Península Ibérica comezou en 2016, cando o chinés Guo Guangchang comprou os Wolves por 52 millóns de euros. Mais esa non foi a única compra que o magnate chinés fixo, senón que tamén adquiriu 20% de Gestifute, unha empresa de representación propiedade de Mendes.

Desde entón, Guangchang e o propio Mendes teceron unha alianza que supuxo a fichaxe de múltiples xogadores portugueses, mais tamén brasileiros e galegos. Pode dicirse que esta estratexia funcionou, xa que só dous anos despois da compra dos Wolves, o equipo voltou á Premier League, competición na cal se asentaron e da cal xa son un dos combinados a ter moi en conta. 

A lusofonía vai desde a portaría até a dianteira no conxunto ocre. José Sá, natural de Braga é o gardaredes titular dos lobos, mentres que na defensa encóntranse os dous xogadores galegos xa mencionados, Bueno e Otto ademais de Toti Gomes, orixinario de Guiné-Bissau e nacionalizado portugués. 

Xa no medio campo está Rúben Neves, un dos mellores xogadores na súa posición do mundo e natural de Mozelos (Porto). Xunto a el están Matheus Nunes e João Gomes (Rio de Janeiro) así como João Moutinho (Portimão).

Na dianteira do Wolverhampton atópanse futbolistas como Daniel Podence (Oeiras, Lisboa), Chiquinho (Cascais, Lisboa), Pedro Neto (Viana do Castelo), Matheus Cunha (Paraíba, Brasil) ou Diego Costa (natural de Sergipe, no Brasil).

Unha temporada chea de altibaixos

Até o de agora, os Wolves veñen tendo unha temporada que se podería definir como inestábel. Antes do despedimento do anterior adestrador, Bruno Lage, o conxunto encontrábase en postos de descenso, mais a chegada de Julen Lopetegui ao banco revolucionou o xogo e os resultados cunha xeira de vitorias moi positiva entre as cales está unha ao poderoso Liverpool. O próximo partido dos lobos será esta sexta feira ante o Fulham, un encontro chave para a clasificación.

A chegada do adestrador vasco Julen Lopetegui afasta os lobos do descenso

En novembro de 2022, o ex adestrador de equipos como o Real Madrid ou o Sevilla, o vasco Julen Lopetegui, chegaba a Wolverhampton para dar unha esperanza renovada ao equipo que, naquela altura, se encontraba en postos de descenso.

A chegada de Lopetegui supuxo todo un revulsivo para os lobos xa que conseguiron encadear unha serie de vitorias que os afastou da zona perigosa da táboa. O vasco conseguiu encaixar as pezas con que contaba a escuadra ademais de incorporar novos talentos, como a estrela brasileira, João Gomes.

Comentarios