Está Amancio Ortega interesado en comprar o Manchester United?

Un xornal inglés apuntou esta posibilidade, axiña reproducida por outros medios británicos e tamén do Estado español. Mais todo apunta a que, na realidade, non hai nada a este respecto agás especulacións e dixomedíxome.

O empresario Amancio Ortega, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press).
photo_camera O empresario Amancio Ortega nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press).

Amancio Ortega, fundador e dono do grupo Inditex, está interesado en comprar o Manchester United, segundo publicou esta quinta feira o diario rexional Manchester Evening News. A nova axiña se espallou por difernetes medios ingleses e europeos, tamén do Estado español

De acordo con este xornal, Ortega xa comunicara aos altos executivos da entidade inglesa a súa intención de comprar o club, un dos máis históricos e laureados de todo o Reino Unido.

Foi esta terza feira, apuntaba este medio, cando o United anunciou que iniciara un proceso "deseñado para potenciar o crecemento da institución a futuro" e no que considerará todas as "alternativas estratéxicas", incluída unha posíbel venda.

Porén, todo semella ser auga de castañas, dixomedíxomes e que non hai nada de realidade nese anuncio. Ortega, o home máis rico do Estado español, non está en ningunha operación para se facer co club inglés

Segundo recolle o mesmo Manchester Evening News, o xigante tecnolóxico Apple tamén estaría a estudar unha posíbel compra do Manchester United despois de que os propietarios do club, a familia Glazer, anunciasen unha posíbel venda.

Outro dos nomes que soan como potenciais compradores da entidade son o ex  futbolista e copropietario do Inter Miami, da MLS, David Beckham. O ex xogador, que militou nas filas do Manchester United durante unha década, podería asociarse cunha investidora para relevar aos Glazer como donos do club inglés, segundo informou o Financial Times.

Comentarios