Entrevista

Ignacio López, avogado: "O deporte profesional é un negocio e un espectáculo"

Os problemas que xurdiron entre federacións e operadores privados representa o tema central da tese de doutoramento que vén de presentar o avogado Ignacio López na Universidade de Vigo (UVigo). 'Nós Diario' conversa co letrado, vencellado hai anos  á Federación Galega de Tenis, sobre o seu resultado.
O avogado Ignacio López, no seu despacho en Lugo (Foto: Nós Diario).
photo_camera O avogado Ignacio López, no seu despacho en Lugo. (Foto: Nós Diario)

—Os problemas de competencias que estuda comezan coa transformación económica do deporte?
É relativamente recente. A primeira sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea é do ano 1974. Realmente até finais dos 90 non hai un aumento dos problemas xudiciais. As federacións deportivas foron sempre as que regularon o deporte e os Estados membros da Unión Europea deixaron obrar libremente nas súas normativas internas. 

As que organizaban as grandes competicións estatais, europeas ou mundiais eran as federacións e nese contexto obtiveron, e obteñen, un gran poder dentro do deporte. A partir do cambio de milenio, comezan a xurdir empresas privadas que queren unha parte e chocan co monopolio federativo. Falo da FIFA no fútbol ou da FIBA no baloncesto. Un dos exemplos primeiros foi a Euroliga de baloncesto, antecedente da Superliga que se quere facer agora no fútbol.

No tenis, por exemplo, a ATP é unha entidade privada que colabora coa Federación Internacional de Tenis. Agora pasa noutros deportes como o pádel ou a patinaxe. Cada vez hai máis empresas e novos organizadores e as federacións deportivas non queren perder ese diñeiro.

—O deporte pasou, en parte, a ser un negocio?
Coincido con outras autoras e autores en que non hai unha fronteira clara entre o que é o deporte profesional e o amador. Unha parte deste último, entendo, debería ter protección ao ter un compoñente social, educativo e integrador e transmitir valores.

Non hai unha fronteira clara entre o que é o deporte profesional e o amador

Non ten nada que ver co deporte profesional que, aínda que se vincula, é un negocio e un espectáculo. Non pode ser que se xustifique nos principios do deporte social beneficios para o deporte profesional, que é o que está pasando.   

—En que lugar quedan, daquela, os clubs que forman parte desas federacións?
Realmente as federacións son unha asociación de clubs. No dereito da competencia enténdense como “asociacións de empresas”. O caso é que hai unha gran diferenza entre os clubs que son sen ánimo de lucro e os que participan profesionalmente noutras competicións que son empresas literalmente. Xogan a algo diferente.

Os primeiros buscan fomentar o deporte e pasalo ben. Os grandes equipos de fútbol, por exemplo, teñen outros obxectivos, ademais do deporte, que é facer diñeiro.

—De que maneira se podería igualar esta situación para que os clubs e as federacións non saísen perdendo?
A solución, basicamente, é diferenciar claramente o que é espectáculo e rendemento económico co que é unha actividade social. Por exemplo, o ano pasado saían as conclusións do avogado xeral do Tribunal de Xustiza da Unión Europea sobre o tema da Superliga.

Entendía xustificadas as reservas das UEFA para que non se realizase esa competición explicando que hai que fomentar os valores europeos da ligas de fútbol recollidos no Tratado de Funcionamento e o valor da competición.

Eu critico iso, ao entender que a propia esencia das ligas como a Champions vai en contra do sentir do Tratado de Funcionamento. Nunha resolución moi recente, un club de Luxemburgo, nunha demanda contra a UEFA, asegura que de 27 que compiten, unhas 20 non teñen opcións de entrar en competición.

Non se está defendendo  un modelo competitivo onde todo o mundo poida participar e haxa igualdade

Non se está defendendo  un modelo competitivo onde todo o mundo poida participar e haxa igualdade. Ao final non deixa de ser unha liga fechada onde a partir de oitavos de final participan sempre os mesmos. 

Creo que unha das opcións sería partir de que as institucións europeas diferencien o que é negocio do que non o é. Se alguén quere organizar outra liga, cumprindo coas regras da competencia, non habería problema. Se queren facer regras para un mercado, teñen que ser as mesmas para todos.

Análise polo miúdo das competencias

Dirixida polo catedrático Julio Costas, a tese de Ignacio López consta de cinco capítulos. O primeiro presenta o marco territorial no que se centra a análise, achegando o tratamento que fai a Unión Europea do deporte nos seus diferentes tratados e documentos.

Dos capítulos segundo ao quinto xa se pasa a analizar polo miúdo as relacións que se foron atopando entre competencia e deporte, agrupándoas nos diferentes apartados nos que se poden xerar conflitos. O último capítulo está dedicado ás conclusións e nel póñense de manifesto as problemáticas encontradas ao longo de toda a análise e que pretenden servir de base tanto para o estudo como para a solución.

Comentarios