As Irmandiñas gañan todos os partidos no seu debut no Europeo de Gaélico

A selección feminina contou por vitorias os seus partidos e remata primeira na clasificación do seu grupo no primeiro día de competición. A masculina perde diante Francia e Luxemburgo e agarda por un posto este sábado que serán as finais do torneo.
Irmandiña feminina antes dos encontros (Foto: Asociación Galega de Fútbol Gaélico).
photo_camera Irmandiña feminina antes dos encontros (Foto: Asociación Galega de Fútbol Gaélico).

O inicio esta sexta feira en Pontevedra e Poio do Campionato Europeo de Fútbol Gaélico tivo un resultado desigual para as seleccións galegas participantes. Os campos da Xunqueira, Monteporreiro e A Seca protagonizaron os encontros entre os 25 conxuntos nacionais que reuniron a máis de 400 deportistas. 

O torneo contaba cun formato de competición decidido polo Comité Europeo para esta edición dos Euro Gaelic Games diferente en modalidade masculina e feminina, debido ao número de equipos inscritos. O presidente da Asociación Galega de Fútbol Gaélico, Ángel Negrete, amosouse satisfeito de como se desenvolveu a primeira xornada a nivel organizativo.

"Houbo xente durante toda a xornada malia ser unha xornada laboral e tvemos picos de 300 persoas seguindo o campionato por streaming", explicaba a Nós Diario.

A Irmandiña feminina imparábel

En mulleres, os equipos estiveron inicialmente divididos en dous grupos de 5 equipos. Os mellores equipos avanzaron cara a fase final “Cup”, mentres que os que quedaron relegados farano á fase final “Shield” e “Plate” (fases de consolación).

Nesta primeira xornada a selección galega feminina contou os seus partidos por vitorias con marcadores como 36-0 contra Alemaña ou 27-3 no encontro con Luxemburgo. Desta maneira rematou primeira na clasificación (6 puntos).

"Quedan por batir as grandes rivais, Francia e Benelux, por estar no outro grupo polo que o intersante será os cruces de hoxe", sinalaba Negrete.

En homes, na Xunqueira, a competición estivo composta en dous niveis diferenzados: Championship (orientada aos equipos máis competitivos e de máximo nivel). Neste apartado a selección galega non tivo tanta sorte e perdeu os seus partidos contra  rivais de moito porte como Francia (7-16) ou Luxemburgo (3-10). Desta amenira quedou terceira na clasificación con 4 puntos.

"Tiveron mala sorte ao perder cos rivais directos, veremos mañá contra Bretaña pola terceira praza", indicaba Negrete.

Por último, está o apartado Development no que competiron equipos menos potentes ou que quixeron presentar deportistas en desenvolvemento. A selección galega participou en dous grupos,  C e F. No primeiro quedou primeira polas súas vitorias diante de Alemaña e Occitania e no F tamén a falta dun partido.

Comentarios