O Torneo 'Reconquista' de fútbol gaélico volve a Vigo após a pandemia

A cita contará con equipos da Galiza, Irlanda e Bretaña. Os encontros terán lugar no campo de San Esteban en Beade.
Foto de grupo da ediciónd e 2018 (Foto: Keltoi).
photo_camera Foto de grupo da ediciónd e 2018 (Foto: Keltoi).

O Torneo Internacional 'Reconquista' de Fútbol  Gaélico volve a Vigo após dous anos sen realizarse pola situación pandémica que viviu a cidade en 2020 e 2021. O torneo naceu en 2018 co obxectivo de que, máis aló da competencia deportiva, se promovera a amizade entre os pobos mediante a práctica do fútbol gaélico.

Desta vez confirmaron a súa presenza, ademais do anfitrión Keltoi Vigo, un equipo irlandés (Cavan Stags), un bretón (Lorient  GAC) e outros da Galiza (Condado,  Grovias e Fusquenlla). Os encontros terán lugar no campo de San Esteban en Beade.

Irmandade entre pobos a través do deporte

Este campionato de carácter mixto está organizado polo club Keltoi Vigo, sendo nestes momentos o torneo  invitacional (en activo) de fútbol  gaélico máis antigo da Galiza. "A idea foi do primeiro presidente que tiña contactos en Irlanda e Bretaña", explica a Nós Diario o actual presidente da entidade, Miguel Otero. A irmandade entre a cidade galega e a bretoa de Lorient facilitou nun primeiro momento o intercambio deportivo e comezou a sumar equipos.

A proposta, segundo sinala Otero, non procura centrarse na competición e si no troco de experiencias entre as persoas e os clubs que participan en cada edición. 

O reclamo turístico da festa da Reconquista

"Comezamos chamándolle 'Reconquista' pola festa principal que temos na cidade", indica Otero, "pensamos que sería un bo reclamo tamén para o turismo da mesma maneira que fan noutros ligares, o interesante é que a xente o pase ben e queira volver", engade.

O acceso ao torneo será gratuíto e estenderase desde as 10 até as 18.30 horas. Despois dos partidos prolongarase a festa deportiva cunha cea e un concerto de música folk na sala Molotov.

Comentarios