O fútbol gaélico busca un "rexurdimento" na súa casa após sufrir moito a pandemia

A selección galega opta a todo no Europeo de seleccións que acollerán Poio e Pontevedra
A Irmandiña xa sabe o que é levantar o título continental, pois foi a campioa da primeira edición na modalidade feminina.  (Foto: Gaélico Galego).
photo_camera A Irmandiña xa sabe o que é levantar o título continental, pois foi a campioa da primeira edición na modalidade feminina. (Foto: Gaélico Galego).

O fútbol gaélico é o único deporte no que a Galiza compite oficial e internacionalmente. Lamentabelmente, e tal e como se informou nas páxinas de Nós Diario, viuse moi afectado polas restricións vinculadas á pandemia da Covid-19, de aí que o inminente Europeo de seleccións que se disputará a cabalo entre Pontevedra e Poio supoña unha oportunidade única para que a disciplina protagonice un "rexurdimento" que a devolva á senda de crecemento pre pandémica.

Este agardado evento terá lugar entre os días 15 e 16 de xullo -sexta feira e sábado, respectivamente-, e está previsto que até o territorio galego se despracen "xogadores de toda Europa que veñen gozar deste espectacular deporte de orixe irlandesa, na que é a edición con maior número de participantes da historia".

Tal e como destacaron a Nós Diario desde a entidade organizadora, a Asociación Galega de Fútbol Gaélico, este Europeo de seleccións "vai ser o máis importante até o momento, pois até o de agora era un torneo que estaba nacendo, sen unha identidade forte, pero colleu maior dimensión para que, nun futuro, poida compararse coas competicións continentais análogas noutros deportes".

Isto se traduce en que "no caso dos homes, pásase dos seis combinados do anterior torneo a 15, e no das mulleres a cifra do último Europeo multiplícase por dous, de cinco a dez.

Deste modo, no cadro masculino estarán representadas na categoría absoluta, ademais da selección galega, Francia, a Bretaña, Iberia, o Benelux e Luxemburgo, mentres que na 'B' se enfrontarán Occitania, Gascuña, Alemaña, Italia, Cataluña, o equipo do GGE e os filiais de Iberia, Francia e a Irmandiña.

Con respecto aos obxectivos e expectativas da Asociación Galega de Fútbol Gaélico, estes consisten en organizar un torneo que "poida ser do agrado dos e das espectadoras", especialmente tendo en conta o gran esforzo que supuxo levar a cabo un evento "que orixinariamente ía disputarse no 2020".

No eido estritamente deportivo, agarda que os e as integrantes dos combinados nacionais poidan deixar ambos os títulos na casa, aínda que a competencia é agora "moito maior". 

Comentarios