Fútbol | 1ª RFEF

O Deportivo confirma a fichaxe de Alcaina e ten atado a Quintero

O dianteiro de 23 anos chega desde o Alcoyano.
A de Alcaina non será a última incorporación invernal que realice o conxunto branquiazul. (Foto: Silvia Calatayud / CD Alcoyano).
photo_camera A de Alcaina non será a última incorporación invernal que realice o conxunto branquiazul. (Foto: Silvia Calatayud / CD Alcoyano).

Penúltimo día do mercado de fichaxes, e os conxuntos galegos das principais categorías do fútbol apuran as horas para tratar de resolver as eivas que acusaron durante a primeira volta. Un dos máis activos está sendo o Real Club Deportivo da Coruña, que esta terza feira confirmou a incorporación do dianteiro Raúl Alcaina ao conxunto branquiazul, a onde chega procedente do Alcoyano e onde permanecerá, de esgotar o seu contrato, até 2026.

A pesar da súa xuventude, pois ten 23 anos de idade, este futbolista nado no ano 2000 conta cunha ampla experiencia na terceira categoría do fútbol estatal, onde milita desde o seu debut na tempada 2018/19 nas filas do Atlético Levante, filial da escuadra valenciana.

Tras un breve paso polo Castellón, co que logrou o ascenso a Segunda, regresou ás filas blaugranas para dar o salto definitivo ao Alcayonano na tempada 2022/23, protagonizando alí un salto de calidade que o catapultou a unha titularidade que sostivo a base de goles, nove.

Porén, no presente curso perdeu protagonismo a causa dunha inoportuna lesión de nocello a comezos de campaña e un conflito coa directiva motivado no desexo do atacante de saír traspasado ao Huesca de Segunda División, co que negociou a costas do club, e que ao non materializarse afectou ao número de oportunidades que recibiu para saltar ao terreo de xogo, reducíndose drasticamente en comparación coa campaña anterior: só 647 minutos, a maioría desde o banco dos suplentes, nos que foi quen de marcar dous tantos.

E a súa non será a última sinatura que concrete o Dépor neste mercado invernal, pois a oficialización do traspaso de Luis Quintero é so cuestión de horas.

O extremo colombiano do Vilarreal, que non tivo minutos no Amorebieta, onde xogou cedido até o de agora, aterrou onte en Alvedro para certificar un acordo de préstamo -probabelmente con opción de compra- que o terá na Coruña até, polo menos, o próximo 30 de xuño.

Fran Mérida, coa ambición "intacta"

O Club Deportivo Lugo, pola súa parte, presentou na mañá desta terza feira a súa fichaxe estrela, Fran Mérida. O veterano centrocampista de 33 anos, ex de entidades do nivel de Barcelona, Atlético de Madrid ou Arsenal, volve ao fútbol europeo logo da súa breve aventura no exótico campionato chiné, á que seguiron varios meses de inactividade.

Con todo, non se traslada a Lugo para retirarse: "Estou moi ilusionado, teño a ambición intacta e moitas gañan de axudar os compañeiros e contribuír a que o equipo vaia ben. O club recibiume dunha forma espectacular, e agora tócame a min responder en canto o míster o considere oportuno".

Ademais, e sen deixar a actualidade albivermella, a formación da cidade da Muralla non poderá contar co seu porteiro titular, Gonçalo Tabuaço durante, polo menos, as próximas tres semanas, xa que tivo que ser operado de apendicite. 

Novo céspede en Balaídos

O lamentábel estado do céspede de Balaídos obrigou o Celta a tomar cartas no asunto, emprendendo a súa substitución por cuarta vez na tempada, a segunda en tres semanas. 

Órdago a grandes de Tebas

O ultradereitista que dirixe a Liga de Fútbol Profesional, Javier Tebas, síntese ameazado pola Superliga e advirte que de  saír adiante el dimitirá porque sería "a ruína, unha catástrofe".  

Comentarios