Xustiza

Condenado un ex xogador do Dépor por romper o nariz a un home que o increpou co 'Cara al sol' e saúdos fascistas

O xuíz conclúe que "resulta indubidábel que a vítima provocou deliberadamente o acusado mediante a exhibición de simboloxía fascista e a emisión de cánticos propios desta como o 'Cara al sol'".
Enseñas do Dépor no último partido en Riazor, ante a Ponferradina. (Foto: RC Deportivo)
photo_camera Enseñas do Dépor no último partido en Riazor, ante a Ponferradina. (Foto: RC Deportivo)

O maxistrado do Xulgado do Penal número 3 da Coruña vén de condenar un ex xogador do Deportivo da Coruña por romperlle o nariz dunha puñada a un mozo que o "provocou" cantándolle o Cara al sol. O xuíz considerouno autor dun delito de lesións, concorrendo a "circunstancia atenuante de embriaguez", polo que lle impuxo o pagamento dunha multa de 1.080 euros, así como o abono dunha indemnización de 565 euros ao afectado.

Na sentenza, considera probado que sobre as tres da madrugada da noite de San Xoán de 2019, na praia da Coruña, a vítima increpou reiteradamente o agora acusado "mediante saúdos e cantos de índole fascista, como a canción Cara al sol, sendo coñecedora de que ao acusado lle producía desgusto o escoitala —o que fixo saber ao denunciante—, xerando, dese modo, unha provocación e enfrontamento, no curso do cal o condenado o golpeou cunha puñada no nariz, que provocou a súa caída sobre a area da praia".

O maxistrado, tras analizar as probas practicadas, conclúe que "resulta indubidábel que a vítima provocou deliberadamente o acusado mediante a exhibición de simboloxía fascista e a emisión de cánticos propios desta como o Cara al sol". Ademais, salienta que "non o fixo en xeral, e para quen quixese escoitalo, senón coa directa intención de molestar o acusado, a quen, o coñecese ou non na súa faceta pública de xogador do Deportivo, quería incomodar".

O titular do Xulgado do Penal número 3 da Coruña incide en que o futbolista foi "directamente provocado" e asegura que reaccionou "de maneira contundente, quizais en parte debido á influencia do alcol inxerido, impeditiva da serenidade de ánimo que, noutras condicións, propiciaría unha resposta máis sosegada, a pesar da afronta inferida por quen pretende ferir a outro facendo pública ostentación dunha ideoloxía negadora dos dereitos fundamentais". 

Na resolución, o maxistrado descarta a concorrencia da agravante de que o acusado actuase por motivos ideolóxicos. Desta forma, argumenta que "non se puido probar que a agresión viñese motivada pola condición de fascista do cantante (se é que ostentase esa persoal condición, o que pareceu negar durante a vista), nin sequera pola exhibición ou ostentación pública desa ideoloxía". Así, destaca que a razón do acometemento sería “pola provocación iniciada, mantida e aumentada do agora acusador particular".

O maxistrado tamén advirte, en segundo lugar, que hai que pór en relación a ideoloxía fascista coa agravante de motivos discriminatorios, á vez que recalca que “quen se opuxese a calquera manifestación ou representación fascista, que por definición exalta un réxime totalitario e antidemocrático, non se pode dicir que estea a actuar por motivos discriminatorios con igual nivel de reproche que quen o fixese por motivos racistas, xenófobos ou de identidade sexual ou de xénero, poñamos por caso”. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso.

Comentarios