Fútbol

Angeliño chega á Roma e Fran Mérida ao Lugo

Últimos movementos no mercado de fichaxes.
Mérida, pasando o recoñecemento médico en Lugo. (Foto: CD Lugo).
photo_camera Mérida, pasando o recoñecemento médico en Lugo. (Foto: CD Lugo).

O mercado invernal de fichaxes -traten de evitar que penetre no seu léxico ese anglicismo innecesario da "ventana de fichaxes" que tanto se escoita ou le dun tempo a esta parte- apura as súas últimas datas, pois baixará a persiana definitivamente o próximo día 1 de febreiro. 

Un dos movementos estelares deste período confirmouse nas últimas horas, e non é outro que a chegada á Associazione Sportiva Roma do xogador galego máis destacado a nivel internacional nos últimos anos, José Ángel Esmorís Tasende, máis coñecido como Angeliño.

A súa chegada en calidade de cedido -os seus dereitos son propiedade do Red Bull Liepzig alemán- ao ex equipo de José Mourinho, destituído hai tan só dúas semanas, é como auga de maio para o carrileiro de Coristanco, pois viña de non dispor de oportunidades no histórico Galatasaray turco.

Na escuadra otomana tamén estaba cedido, mais o seu contrato incluía unha cláusula pola cal se xogaba 20 partidos ou máis debían pagar ao Liepzig seis millóns de euros obrigatoriamente a modo de traspaso. Entón, após comezar como un fixo nos onces iniciais, foi perdendo peso nos esquemas do técnico Okan Buruk, e, ante a perspectiva de ter que realizar un investimento nun xogador que deixara de contar para o adestrador, a directiva do Galatasaray decidiu en decembro pasado que non volvese a portar a elástica dos leóns.

Un trotamundos do fútbol para o Club Deportivo Lugo

Aos seus 27 anos, a Roma será o undécimo equipo en sete países distintos na traxectoria de Angeliño, o que lle outorga unha condición de trotamundos do fútbol que comparte coa última fichaxe do Club Deportivo Lugo, Fran Mérida.

O catalán de 33 anos, formado na canteira do Barcelona, tamén xogou en 11 equipos diferentes -incluídos o Arsenal ou o Atlético de Madrid-, e agora chega a Lugo despois dunha exótica aventura no Tianjin Jinmen Tiger da competición chinesa, onde disputou o seu último encontro en outubro de 2023.

Desde entón non sabe o que é a actividade competitiva, o que non foi óbice para que o mediocentro non pasase esta segunda feira con éxito o recoñecemento médico, trámite que precederá a unha presentación oficial como xogador albivermello nunha data que aínda está por determinar.

Comentarios