Dépor-Celta B: Riazor acolle o derbi máis morboso

O partido da semana no fútbol galego non está no interesante Celta-Cádiz que fechará a xornada na Primeira División. Tampouco o foi o Lugo-Ponferradina de hoxe, non. O prato estrela é o choque máis agardado pola afección viguesa, que verá como o eterno rival, o Deportivo da Coruña, se enfronta co seu conxunto filial este domingo ás 17 en Riazor.
O ex dianteiro deportivista Lúcas Pérez saúda logo da finalización do último derbi até o día de hoxe, en abril de 2018.  (Foto: EP).
photo_camera O ex dianteiro deportivista Lúcas Pérez saúda logo da finalización do último derbi até o día de hoxe, en abril de 2018. (Foto: EP).

Durante anos e anos, cada vez que as cousas ían mal para o Celta, nas bancadas de Riazor escoitábase un retranqueiro "o ano que vén, Celta-Dépor B!". E viceversa, por suposto. De feito, a primeira vez que a piques estivo de facerse realidade este escenario foi en 2009, cando os vigueses evitaron o descenso a Segunda División B grazas a dous milagrosos tantos de -quen se non- Iago Aspas nos minutos 80 e 89 do último partido de Liga ante o Alavés.

Máis dunha década despois da primeira gran xornada de gloria do de Moaña foi o Deportivo quen descendeu á categoría de bronce, pero a diferenza do acontecido cos celestes en 2009, todo o circo xerado polo 'Caso Fuenlabrada' e a Liga de Fútbol Profesional na última xornada de campionato arrebatoulle a opción de pelexar pola salvación nos terreos de xogo en igualdade de condicións cos seus rivais.

Sexa como for, a realidade é que o domingo ás 17 horas un Estadio de Riazor cun público limitado a 1.000 espectadoras asistirá a un choque entre Dépor e Celta B, que para o técnico branquiazul, Fernando Vázquez, non é un derbi: "Para min o derbi é co Celta, non co seu filial, este é un equipo máis que vai vir a Riazor". O de Castrofeito definiu os celestes como un conxunto "alegre e despreocupado, que xoga ben, con velocidade e calidade", e para contrarrestar estas virtudes traballou durante a semana o xogo ofensivo, a gran eiva do Dépor neste inicio de campionato.

Antes do encontro gardarase un minuto de silencio en homenaxe a José Fernández Sánchez 'Paseiro', que faleceu a pasada cuarta feira con 92 anos de idade. Dianteiro deportivista durante dúas etapas diferentes a finais dos anos 40 e principios dos 50, chegou a ser máximo goleador da Segunda División na tempada 1947/48, na que o Dépor conseguiu o ascenso.

Coruxo-Pontevedra

A mellor definición do Coruxo-Pontevedra, que se desenvolverá tamén o domingo -aínda que un pouco antes, ás 12 horas da tarde-, é a de "derbi opacado". Os do Lérez chegan sen o sancionado Charles, mais coa intención de levar os tres puntos para tratar de retomar o liderado en caso de que o Dépor non consiga derrotar o Celta B, mentres que o Coruxo tratará de retomar a senda da vitoria iniciada hai dúas semanas fronte ao Guijuelo e de esquecer a dolorosa  goleada (4-0) apañada hai sete días ante o Rácing de Ferrol.

Os Diaños Verdes, propulsados por ese resultado, agardan prolongar a xeira de triunfos no campo do Guijuelo (hoxe ás 17.30 horas), un dos equipos máis frouxos da categoría, pero que se fai forte cando xoga na casa.

Finalmente, un Compostela que leva sen coñecer a derrota desde a primeira xornada recibe no Vero Boquete á outra gran revelación do campionato, o Zamora (hoxe, 19.30 horas).

Non hai dúas sen tres

O irrecoñecíbel Celta de Eduardo 'Chacho' Coudet terá que pasar por enriba do quinto clasificado, o sorprendente Cádiz,  para conseguir a súa terceira vitoria consecutiva após superar Granada e Athletic de Bilbao nos seus dous últimos compromisos.

O choque, que se desenvolverá na vindeira segunda feira, 14 de decembro, ás 21 horas -cousas de Tebas-, será moi especial para un antigo ídolo celeste, o veterano centrocampista Augusto Fernández, chave na impresionante vitoria dos andaluces ante o Barcelona a pasada xornada ligueira.

Previsibelmente, o técnico arxentino repetirá o once inicial co que tan bos resultados está conseguindo. Así, formarían Rubén Blanco na portaría; Hugo Mallo, Murillo, Araujo e Olaza en defensa; Renato Tapia, Brais Méndez, Denis Suárez e Iago Aspas -con total liberdade- no centro do campo, e arriba Nolito e Mina. 

Comentarios