xoves 01/10/20

Saír do pozo da Segunda División B: máis difícil que sacar unha oposición a notarías

Analizamos a ruta dos equipos galegos para lograr fuxir da nova categoría de bronce
A ruta para o ascenso a Segunda División complícase esta tempada (Infografía: Nós Diario).
A ruta para o ascenso a Segunda División complícase esta tempada (Infografía: Nós Diario).

No ano 1985, Mel Gibson protagonizou a terceira entrega da saga Mad Max, que na Galiza foi estreada como Mad Max: alén da cúpula do trono. Neste filme, as persoas resolven as súas diferenzas no interior da devandita cúpula baixo o lema "dous entran, un sae". A Segunda División B na tempada 2020/21 presenta moitas reminiscencias deste clásico do cinema de acción, pois a categoría será unha cruenta batalla na que entrarán 102 equipos, pero tan só catro lograrán o seu obxectivo de ascender á Segunda División.

Hai un ano, tal día como hoxe, os equipos galegos da Segunda División B xa levaban disputadas dúas xornadas dunha competición que estaba conformada por 80 equipos.

365 días despois non teñen nin calendario, e a reformada categoría de bronce, fondamente afectada pola medida da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) de anular os descensos logo da suspensión da liga a causa da pandemia da Covid-19, promete ser un inferno do que será practicamente imposíbel escapar.   

A falta da súa oficialización, prevista para o vindeiro 7 de setembro -dez días antes de que se desenvolva o sorteo do calendario dunha competición que ten previsto o seu comezo na afastada data do 17 de outubro-, na nova Segunda B pos pandemia participarán 102 equipos por só catro prazas de ascenso á categoría de prata.

Os contendentes quedarán distribuídos en cinco grupos, e non en catro, como viña sucedendo até o de agora. A outra gran novidade é a súa división en dous subgrupos 'A' e 'B' dentro de cada grupo.

Galegos contra zamoranos e salmantinos

Na campaña 2020/21 serán da partida seis conxuntos galegos na Segunda B: Pontevedra Club de Fútbol, Rácing Club de Ferrol, Real Club Celta de Vigo 'B', Coruxo Fútbol Club -que repiten con respecto ao ano pasado-, a recentemente ascendida Sociedade Deportiva Compostela e o Real Club Deportivo da Coruña, que, salvo unha pouco previsíbel decisión xudicial que o evite outorgándolle unha praza na Segunda, xogará na categoría de bronce por vez primeira desde hai exactamente 30 anos.

Estes seis equipos galegos quedarán encadrados no subgrupo 'A' do Grupo 1, no que estarán acompañados polo Zamora Club de Fútbol e por tres conxuntos salmantinos: Guijuelo, Unionistas e Salamanca.

Nesta primeira fase disputaranse 18 xornadas en formato liguiña. Da clasificación resultante, os tres primeiros pasarán a pelexar o ascenso a Segunda División con equipos doutro subgrupo; os tres últimos para evitar o descenso; e os que se clasificaron entre a cuarta -salvo no caso hipotético de ser o mellor cuarto dos cinco grupos, que participaría na fase de ascenso- e a sétima posición, por "ascender" a unha categoría de nova creación denominada Segunda B Pro e que se estabelecerá como categoría intermedia entre a Segunda División e a actual Segunda B a partir da tempada 2021/22.

Mais a lea non acaba aquí. Os galegos que se clasifiquen para esa liga de ascenso terán que participar nunha nova liguiña contra os tres primeiros clasificados do subgrupo 'B' do Grupo I. Os tres que superen esta fase terán, despois, que tomar parte nun play-off integrado por 16 equipos saídos do resto de grupos, co único obxectivo de facerse cunha das catro plazas de ascenso a Segunda. 

As escuadras que non fosen quen de logralo polo menos terán o consolo de saber que xogarán nesa nova Segunda B Pro, xunto cos que o conseguiran na liguiña de ascenso á mesma após quedar entre a cuarta e a sétima posición na fase previa. En resumo, un auténtico labirinto de roldas e liguiñas que engade varios puntos de dificultade a unha categoría tradicionalmente moi temida.

comentarios