xoves 24/09/20

A Segunda B comezará cun derbi galego entre Rácing e Pontevedra

O novo e excepcional formato de competición na Segunda B implica que a liga regular de 18 xornadas remate no mes de marzo. A seguir, virán os playoffs.
Unha imaxe do Pontevedra CF, que aspira ao ascenso a Segunda (Pontevedra CF)
Unha imaxe do Pontevedra CF, que aspira ao ascenso a Segunda (Pontevedra CF)

Xa se coñece o calendario da Segunda B para esta tempada. Unha competición que conta cun novo formato, onde cada un dos cinco grupos se divide en dous subgrupos. No caso do grupo I, onde están encadrados os equipos galegos, o subgrupo A contará con 10 equipos ao igual que o subgrupo B. Ambos os dous subgrupos contarán deste modo con 18 xornadas, que arrancarán o 18 outubro deste ano e finalizarán o 21 de marzo de 2021.

A primeira xornada comeza cun derbi nacional, o que disputarán o Rácing de Ferrol e o Pontevedra no Estadio da Malata. O Celta B inaugurará a tempada viaxando a Guijuelo, mentres que o Coruxo recibe o Zamora, e o Deportivo comeza en Riazor contra o Salamanca CF. Ademais o Compostela, estréase na Segunda B tras lograr o ascenso xogando contra o Unionistas, tamén da cidade salmantina. 

A segunda xornada da competición deixará outros dous derbis, o Celta B-Rácing de Ferrol, e un duelo entre dous equipos históricos, que foron equipos de Primeira no pasado e que se volverán ver as caras agora na categoría de bronce: o Compostela recibe no Estadio Verónica Boquete ao Deportivo da Coruña. 

"Vai volver ser un momento histórico; oxalá esteamos co maior número posíbel de afeccionados no campo", manifestou en declaracións aos medios de comunicación, Antonio Quinteiro, presidente do Compostela.

Non obstante, serán as autoridades sanitarias ─ao igual que no resto de campos do país─ as que decidan o número final. 

Liga regular e playoffs

Este novo e excepcional formato de competición na Segunda B implica que a liga regular de 18 xornadas remate no mes de marzo. Os seis primeiros equipos clasificados xogarán entón outra liguiña contra os seis mellores do subgrupo astur-leonés. Deses enfrontamentos sairán tres equipos que xogarán o playoff para ascender á Segunda. 

O 13 de decembro tamén está previsto outro choque clásico entre dous clubes rivais históricos, cando o Deportivo reciba o Celta B. A volta desde encontro, en Vigo, será o 14 de marzo. 

comentarios