O Celta de Vigo recupera a tranquilidade

O renovado Celta do Chacho Coudet sae do pozo do descenso após gañar ao Athletic en Bilbao (0-2) nun gran partido dos celestes. Na Segunda, o Lugo apañou o seu cuarto empate consecutivo ante o Mirandés e, na categoría de bronce, Pontevedra e Dépor empataron, mentres que Rácing e Compos golearon Celta B e Coruxo.
Renato Tapia está a ofrecer a súa mellor versión co novo sistema empregado polo técnico arxentino.(Foto: RCCelta).
photo_camera Renato Tapia está a ofrecer a súa mellor versión co novo sistema empregado polo técnico arxentino. (Foto: RCCelta).

A figura do adestrador de fútbol arrastra un perpetuo sambenito que o converte en culpábel de todo canto malo pasa en calquera equipo. Por iso, aínda que os problemas poden estar noutra área do club, cando as cousas se torcen as directivas sempre optan pola mesma solución: cesar o técnico.

Non obstante, esta medida ás veces funciona, malia que en poucas, moi poucas, tanto como está a acontecer no Celta de Vigo. A chegada de Eduardo Coudet logo do despedimento de Óscar García cambiou por completo a face dun conxunto que hai pouco máis de dúas semanas ocupaba a última posición da Liga.

Esta xornada conseguiron gañar ao Athletic de Bilbao por 0-2 en San Mamés na segunda vitoria consecutiva da 'era Chacho', que reafirma as boas sensacións do triunfo ante o Granada da semana anterior e mesmo do seu partido de debut ante o Sevilla, a pesar da derrota (4-2).

As múltiples variantes tácticas  -perante o Athletic o preparador arxentino empregou até tres sistemas- e a solidez defensiva tanto no medio como atrás son as chaves dun novo Celta no que, a pesar de que o de Moaña continúa a un nivel estratosférico, por fin parece superada a Aspas-dependencia, e a contribución ofensiva de xogadores como Nolito, Denis, Mina ou mesmo Mallo -que anotou o primeiro tanto ante o Athletic- descárgao de carrexar con todo o peso do ataque.

O Lugo segue empatando

A única escuadra galega na Segunda División sumou un novo empate, o cuarto seguido, esta vez na casa do Mirandés (0-0). Os albivermellos seguiron padecendo a mesma falta de gol dos últimos encontros, mais, como apunta o propio Mehdi Nafti, o club "non paga por ser vistosos, senón para ser competitivos", e o Lugo continúa na zona media da táboa e acumula tan só dúas derrotas desde a súa chegada.

Tres derbis e dúas goleadas

Na Segunda División B, os seis equipos galegos da categoría enfrontáronse entre eles nun triplo derbi: Pontevedra-Deportivo (1-1), Celta B-Compostela (0-3) e Rácing de Ferrol-Coruxo (4-0).

Con estes resultados, os branquiazus conservan o liderado e os granates baixan até o terceiro posto, pero seguen na zona alta dunha cabeza da Liga caracterizada pola extrema igualdade e da que xa están moi preto tanto Rácing de Ferrol como Compos.

Comentarios