Delio Fernández fica sen equipo ao se anunciar a disolución do francés Delko Team

O moañés repite a mala experiencia que viviu coa desaparición do Xacobeo Galiza. Desta vez conta cun contrato que remata en 2022.
O corredor Delio Fernández o pasado mes de setembro no Skoda Tour de Luxenburgo (Team Delko).
photo_camera O corredor Delio Fernández o pasado mes de setembro no Skoda Tour de Luxenburgo (Foto: Team Delko).

A 115° Paris-Tours, realizada este pasado domingo, foi a derradeira aparición do equipo ciclista francés Delko. A mala nova, agardada pola situación económica que tiña esta formación deportiva, deixa sen emprego a todos os seus corredores, entre os que figura o galego Delio Fernández.

Para o de Moaña é revivir por segunda vez unha situación semellante ao lembrar o Xacobeo Galiza, aínda que neste caso contaba cun contrato que remataba en 2022.

A pandemia non facilitou as cousas nun deporte onde os patrocinios mandan. O director deportivo do club, Benjamin Giraud, admitía en declaracións á publicación DirectVelo que a decisión fora recente "mais prefería agardar á nosa última carreira para anuncialo".

A formación contaba con licenza ProTeam, a segunda categoría a nivel internacional. Creada en 2000 como parte da estrutura ciclista do mesmo nome que se fundara en 1974, contou de inicio con rexistro en Letonia por problemas burocráticos coa federación francesa.

En 2016 entrou como patrocinador principal Delko, unha empresa de recambios de automóbil, e en 2020 o da empresa construtora xaponesa Nippo. Este ano comezou coa perda deste patrocinador e outros, unha situación que rematou co club. 

Continuar no ciclismo profesional

Para Delio será o seu segundo feche inesperado aínda que recoñece que, neste caso, todo o equipo tiña información de maneira non oficial do que acontecía. "Sabiamos que estaba intervido e mesmo que había un interventor xudicial", explica. A situación foi a peor ao inicio do segundo trimestre deste ano cando o club comunicou unha redución de gastos, aínda que para os corredores continuara a competición con normalidade.

Nos últimos meses os ciclistas perderon a esperanza de que xurdisen novos patrocinadores ou de que o equipo continuase fusionándose con outro. "Finalmente non chegou ningunha solución", admite o corredor de Moaña. 

En todo caso Delio quere continuar nos pedais máis tempo e agárrase a ese ano de contrato que aínda ten co equipo francés. A situación é diferente á que viviu en 2010 cando desapareceu o Xacobeo como consecuencia da decisión da Xunta da Galiza, a través da súa Secretaría Xeral para o Deporte, de retirar o seu patrocinio do equipo galego e precipitar o feche da formación que dirixía Álvaro Pino. "Gustaríame resolver este tema canto antes para poder atopar outro equipo para o vindeiro ano", asegura. Malia os seus 35 anos, Delio Fernández aínda ten camiño por diante e quere percorrelo enriba dunha bicicleta.

Comentarios