Galiza marca unha Volta ciclista sen ningún galego

A dez anos vista da desaparición do equipo Xacobeo Galicia ante a falta de apoio institucional por parte da Xunta, as consecuencias daquela medida poden observarse hoxe, cando non hai nin un só representante galego nunha Volta Ciclista a España que comezou onte e na que o Ézaro volverá ser protagonista.   
A situación sanitaria impedirá que se repitan as tradicionais aglomeracións de seareiras nos finais de etapa no mirador do Ézaro.(Foto: Nós Diario).
photo_camera A situación sanitaria impedirá que se repitan as tradicionais aglomeracións de seareiras nos finais de etapa no mirador do Ézaro.(Foto: Nós Diario).

Euskal Herria acolleu o comezo da Volta Ciclista a España máis atípica da historia cunha etapa de media montaña con final nun Alto de Arrate que conquistou Primoz Roglic, o esloveno do Jumbo Visma, que torna no primeiro líder desta versión reducida -consta de tres etapas menos que en 2019- dunha proba que se estenderá até o vindeiro día 8 de novembro.

Lamentabelmente, o golpe de morte dado ao ciclismo galego o día que a Xunta decidiu acabar co Xacobeo Galicia após retirarlle o seu apoio no outono de 2010, apenas días despois de que Ezequiel Mosquera finalizara como subcampión na Volta a España, levou a que nin un só ciclista do país figure entre os  176 que foron da partida onte en Irun.

Polo tanto, a terra que viu nacer a Raul Rey, José Bernárdez, os irmáns Emilio e Delio Rodríguez -aínda hoxe o home con máis vitorias de etapa na rolda española-, Álvaro Pino, Marcos Serrano, Óscar Pereiro ou Gustavo César Veloso, e que cada fin de semana ve como todos os recunchos do seu territorio son percorridos por persoas a lombos das súas bicicletas, terá que conformarse -Que remedio!- con ser sede de tres das 18 etapas que conforman a Volta.

Tom Dumoulin, favorito; Froome, unha incógnita.

O cadro de competidores do que poderán gozar as e os afeccionados galegos, se os abandonos previos ou as expulsións a causa da Covid-19 non o impiden antes, é de primeira orde.

Grazas a que en 2020 o Tour de Francia se disputase antes do Giro de Italia, as principais estrelas do ciclismo mundial competirán na Volta, coa principal excepción do vixente campión da rolda gala, o esloveno Pogacar.

Un dos principais favoritos ao título é Tom Dumoulin, quen parece deixar atrás definitivamente os seus problemas derivados da lesión e posterior infección que o tivo un ano sen correr. Porén, e a pesar de que o seu nivel actual é incógnita até para el mesmo, nunca hai que descartar a Chris Froome, o mellor ciclista da década pasada, quen volve logo do brutal impacto contra un muro no que fracturou fémur, cotobelo e varias costelas.

Unha etapa contra o reloxo e dúas das 'rompepernas' en territorio galego

A Volta Ciclista a España entra na Galiza o día 3 de novembro, terza feira, logo dunha xornada de descanso após subir consecutivamente os portos asturianos de La Farrapona e o lendario L'Angliru. Esa primeira etapa en territorio galego será unha contra o reloxo individual de perfil mixto, pois logo de 31 quilómetros totalmente chans os ciclistas terán que subir o impoñente miradoiro do Ézaro, sendo máis que probábel un cambio de bicicleta en plena ruta que favoreza, aínda máis, o espectáculo televisivo. Ao día seguinte o pelotón percorrerá nin máis nin menos que 204 quilómetros entre Lugo e Ourense, nunha etapa 'rompepernas' pensada para favorecer as escapadas. Finalmente, a 'serpe multicor' abandona Galiza o 5 de novembro tras percorrer o sur do país atravesando Mos, As Neves ou Arbo.

Comentarios