Carlos Canal: "Hai un problema no ciclismo de base que se traduce na ausencia de profesionais"

Carlos Canal (Xinzo de Limia, 2001) combina xuventude e descaro. O corredor do Burgos BH converteuse na pasada edición da Vuelta Ciclista a España no primeiro profesional do país en participar nunha gran rolda desde 2018, o que dá unha idea tanto do seu prometedor futuro como da crise que vive o ciclismo galego.
O corredor brillou na recente edición da Vuelta Ciclista a España. (Foto: Burgos BH).
photo_camera O corredor brillou na recente edición da Vuelta Ciclista a España. (Foto: Burgos BH).

—Antes de nada, e por si acaso alguén non tivo a sorte de seguir o seu crecemento nos últimos anos, como se definiría como corredor?

Como un moi novo que provén do mountain bike e do ciclocross, que hai dous anos deu o salto ao ciclismo de estrada directamente a profesionais e que está dando os seus primeiros pasos neste mundiño, aínda que este ano tiven a sorte de correr a Vuelta a España. 

—Imaxino que, depare o que depare a súa carreira no futuro, esta edición da Vuelta Ciclista a España gardará sempre un lugar moi especial no seu corazón.

Si. Para min foi a Vuelta a España perfecta, porque comezou na sede do equipo, en Burgos, e rematou na casa, na Galiza, con tres etapas impresionantes... estrearme así paréceme idílico.

—Foi o único ciclista galego na devandita Vuelta Ciclista a España, o primeiro do país en participar en calquera das tres grandes roldas –Vuelta, Tour de Francia e Giro de Italia- desde que Pablo Torres correra a Vuelta de 2018. Sentiu nalgún momento o peso da responsabilidade desa representación nunha carreira que, ademais, remataba na súa terra?

Si e non (ri). É bastante responsabilidade, porque ao final é certo que es o único galego que está correndo unha gran volta en todo o ano, e queres facelo ben, pero en ningún momento sentín presión, porque sei que son moi novo e teño moito percorrido por diante, así que hai que tomar as cousas con calma.

—A outra lectura que ofrece ese dato é que, canto menos, o estado do ciclismo profesional no Galiza non é o mellor. A que cre que se debe a carestía de profesionais, unha situación que contrasta con hai pouco máis dunha década, nos tempos do desaparecido Xacobeo Galicia, cando abundaban os galegos no pelotón?

Penso que sobre todo é pola falta de probas a nivel Júnior, Sub-23... o que se suma a unha falta de carreiras nas categorías inferiores, o que implica a escaseza de equipos de desenvolvemento nesas idades. Hai un problema no deporte de base, e iso tradúcese na ausencia de corredores profesionais galegos. Cada vez hai menos ciclismo de base na Galiza, por iso é tan  importante que os nenos volvan usar a bicicleta como medio de desafogo e para pasalo ben, moito máis que pensando en ser profesionais no futuro, só como medio para facer deporte e relacionarse con outros rapaces da súa idade. Dáme moita mágoa que cada vez existan menos escolas ciclistas e menos equipos que colaboren nese labor. 

—Con independencia desa circunstancia, conseguiu vostede rematar a carreira, e fíxoo con apenas 20 anos. Ademais, mostrouse moi combativo, mesmo protagonizando unha impresionante escapada na cuarta etapa, saíndo disparado case desde o mesmo momento do inicio, até o punto de que o pelotón só foi quen de neutralizalos a 15 quilómetros da liña de meta. Satisfeito co seu desempeño a nivel individual na Vuelta? Cal era o seu obxectivo antes de comezar a carreira?

A verdade é que si, estou moi contento co nivel mostrado. Ao final, como dicía antes, son moi novo aínda e teño moito marxe para mellorar. O obxectivo, que era estar en fugas e deixar ver o equipo, penso que o fixemos o mellor posíbel, e dentro de todo tiven un bo rendemento que me servirá de aprendizaxe.

—Cal diría que foi o seu momento máis destacado na Vuelta?

Persoalmente quedaría coas tres etapas galegas, pero en particular coa chegada en Monforte, pola xente que estaba alí na meta que me coñecía, como a miña familia. E a nivel deportivo, si, destacaría a etapa de Burgo de Osma que sinalabas, que foi unha mostra de que podo ser competitivo en carreira, aínda que non foi a única na que me deixei ver ou na que estiven a bo nivel (ri). 

—Que foi o que máis lle impresionou de vivir desde dentro unha proba do nivel da Vuelta Ciclista a España?

Sobre todo, o nivel ao que se compite. É altísimo. E o aguante que ten o corpo humano, porque parece imposíbel que unha persoa poida aguantar tantos días de tanto esforzo, porque se pasan moitos momentos moi malos, sufrindo...

—De cara a á vindeira tempada, cales son os seus obxectivos?

A intención é seguir medrando como corredor e dar un pasiño máis na miña evolución deportiva, mellorando o meu rendemento, estando cada vez máis adiante nas carreiras, así como intentar disputar algunha que outra carreira que se adapte ben ao meu perfil. E, se fose posíbel, volver estar nunha 'grande'.

—Recentemente presentouse un proxecto que traerá de volta en 2022 a desaparecida Volta a Galiza de ciclismo profesional, que non se disputa desde hai dúas décadas e na que non sería estraño que o Burgos fose un dos equipos participantes. Faille ilusión a posibilidade de participar?

Si, sería moi ilusionante correr unha Volta a Galiza profesional, a carreira da casa, aínda que as datas que din nas que se desenvolvería –de 24 a 27 de febreiro- non van ser moi agradecidas climaticamente (ri), ogallá poida estar na liña de saída. 

Comentarios