A Covid fai perigar a disputa da próxima xornada de Liga

Os casos multiplícanse nos distintos equipos
O Celta conta con nove futbolistas positivos nas súas filas. (Foto: RC Celta).
photo_camera O Celta conta con nove futbolistas positivos nas súas filas. (Foto: RC Celta).

"Esta xornada xogarán os nenos do Torneo de Brunete". Así se expresaba o capitán do Celta, Iago Aspas, ante a avalancha de novos casos de Covid-19 en practicamente a totalidade de equipos da Primeira División.

Mais, brincadeiras á parte, a situación parece preocupante e non son poucas as voces que xa comezan a pedir a suspensión dunha xornada ligueira que ten previsto o seu comezo dun modo tan inminente como  é pasado mañá, 31 de decembro, cun choque entre Valencia e Español que acumula un total de sete casos positivos entre xogadores e corpo técnico.

Bastante peor é a situación no Real Club Celta de Vigo, no que son un total de nove os futbolistas con Covid-19 e que, polo tanto, non poderán estar a disposición do preparador celeste, Eduardo 'Chacho' Coudet, para o encontro que disputarán o domingo, 2 de xaneiro de 2022, ante un Real Betis que non está ante un escenario moito mellor, pois conta con seis doentes entre o seu cadro de xogadores.

Este panorama obriga a un repaso do regulamento da Liga, que no seu artigo 10.2 indica que o mínimo de futbolistas dispoñíbeis para entrar en acción no caso dun gromo de Covid-19 debe ser de 13, cinco con ficha do primeiro equipo e o resto do filial. A día de hoxe, a intención da LFP é que se disputen o máximo de partidos posíbeis, mais se as cifras continúan aumentando parece un imposíbel.

Récord de perdas no Lugo: 2,53 millóns nun só ano

O presidente do Club Deportivo Lugo, Tino Saqués, anunciou na Xunta Xeral de Accionistas da entidade albivermella que o equipo perdeu exactamente 2.537.945 euros no exercicio contábel 2020/21, cifra récord que atribuíu aos efectos negativos da pandemia.

A pesar da animadversión que provoca a súa figura entre un sector da afección lucense, a condición de Saqués de máximo accionista -posúe máis de 70% do total das accións- fixo que aprobase por unanimidade todos os puntos dispostos na orde do día da Xunta, entre os que destacan os dous prestamos por un total de 1.600.000 euros da empresa de Tino Saqués -Frisaqués SLU- ao club.

Ademais, tamén saíu adiante o orzamento da tempada actual, de 7,6 millóns de euros, que estima que o conxunto da Cidade da Muralla siga perdendo fondos, neste caso 739.000 euros.

Comentarios